Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luz Méndez Fernández: "Galicia é un sitio senlleiro en toponimia debido á súa dispersión demográfica"

"O xentilicio lóxico de Agolada sería 'agoladés' ou 'aqualatense', na súa forma culta"

Luz Méndez estivo onte na presentación do traballo nos Pendellos de Agolada. // Bernabé/ Javier Lalín

Os Pendellos de Agolada acolleron no día de onte a presentación do libro Toponimia de Agolada un traballo que forma parte de Colección Terra Nomeada, que sae á luz en colaboración da Asociación Galega de Onomástica e a Deputación de Pontevedra. Luz Méndez, filóloga e autora deste primeiro traballo da colección, estivo acompañda no acto do académico Xesús Ferro, membro do Seminario da Onomástica da RAG; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG e do alcalde agoladés, Ramiro Varela.

-Que é Toponimia de Agolada?

-Este é o primeiro libro dunha colección promovida pola Asociación Galega de Onomástica da que formo parte. Presenta dun xeito didáctico a explicación dos topónimos de todos os concellos de Galicia. É un proxecto ambicioso que levará moitos anos pero a idea nace así. Curiosamente o primeiro libro que tivemos a oportunidade de publicar é este porque fun a primeira en rematar dos varios socios que estabamos traballando neste tema. O libro, polo tanto, é unha explicación etimolóxica de todos os nomes e todas entidades de poboación que hai no concello. É un traballo que pretende ser moi divulgativo e que está ao alcance de calquera persoa, non hai que ser entendido en ningunha materia para poder lelo. No libro, aparte dese significado primeiro que ten o nome de cada lugar pois intentáse achegar a outros datos, como a primeira vez que aparece documentado ou outros lugares de Galicia que se chaman da mesma maneira ou dunha forma próxima. En ocasións tamén falo se ese nome deu lugar tamén a un apelido ou non.

-O municipio de Agolada é abundante en nomes?

-No conxunto de Galicia hai bastante variedade porque hai concellos que son moi grandes como Lalín ou A Estrada, que son grandes non soamente en extensión se non en número de lugares. Agolada ten un número considerable porque son 163 lugares incluídos en 24 parroquias. Realmente toda Galicia é un sitio senlleiro en tomponimia porque, como é sabido, aquí a poboación está moi dispersa, entón chama atención a cantidade de nomes que temos no noso país.

-Durante a investigación encontraches algunha curiosidade sobre algún nome?

- Cada lugar, cada nome ten a súa pequena historia, a súa particularidade, uns máis ca outros, por exemplo os nomes das parroquias están máis documentados, dos lugares pequenos é máis difícil encontralos. Algunha das curiosidades simpáticas que encontrei é por exemplo que a parroquia de Carmoega, que é bastante opaca etimolóxicamente, intentou ser explicada nun dos primeiros diccionarios galegos que foi o diccionario do Rodríguez, un cura de Lalín emparentado con Matemático Rodríguez, cunha lenda que di que Carmoega viña de moega e de cara, a lenda dicía que un ladrón roubara a moega dun muiño e o dono cando o pillou, mallou nel, entón o ladrón dixo "que cara a moega", en alusión a que a moega lle saíra moi cara, de aí ven o nome do sitio.

-O profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costa, no seu libro Xentilicios de Galicia , di que o xentilicio correcto de Agolada sería aqualatense. Está de acordo?

-Estou de acordo co que el di. Os xentilicios son moito más usados á hora de escribir que na fala, entón hai unhos cantos xentilicios de uso habitual que nos marcan a pauta de como se forma este tipo de palabras. Por exemplo, os de Santiago son santiagueses, os de Pontevedra pontevedreses, entón polo que vemos a terminación '-es' é frecuente nos xentilicios e márcanos a norma. Polo tanto, se quero facer un xentilicio de Agolada o lóxico sería agoladés, hai unha forma culta que se usa en ocasións pero vaise ao étimo, á orixe do nome, neste caso serían aqualatenses. Ambos serían correctos.

-A recuperación do uso do galego pasa polo estudio do propio idioma?

-A recuperación pasa principalmente porque lle falemos aos nenos e os nenos oían o galego habitualmente, que poidan ter acceso a él na escola, que poidan ter situacións cotiáns da vida onde o galego sexa normal. Simplemente en facelo habitual e normal, creo que o ensino é un punto importantísimo e falarlle aos nenos dende pequenos.

-Que supón presentar este traballo na súa localidad?

- Pois presentalo nos pendello é unha maneira de devolver o que a terra che deu.

Compartir el artículo

stats