Os colexios da provincia incluirán a compostaxe como tema de traballo nas súas actividades didácticas para o alumnado. Así o indicou o vicepresidente provincial César Mosquera na sinatura da addenda para prorrogar durante este ano o convenio que a Deputación ten co Centro de Extensión Universitaria e Educación Ambiental de Galicia (Ceida) para fomentar a sensibilización ambiental e a compostaxe no ámbito educativo.

O Ceida traballará de xeito cos colexios da provincia, sobre todo naqueles concellos adheridos ao Plan Revitaliza, ofertando unidades formativas para que a compostaxe sexa protagonista das programacións educativas dos rapaces e rapazas. Pola súa banda, o responsable do Centro de Extensión, Carlos Vales, explicou que durante o ano 2016 o Ceida xa estivo en contacto con boa parte dos colexios para poñer a disposición recursos pedagóxicos, didácticos e formativos (obradoiros, charlas e materiais de traballo e explicativos, exposicións e outras actividades), que xa se utilizaron nalgunhas localidades.

Asimesmo, por parte do Ceida durante o 2016 realizouse un traballo de recolección de proxectos e experiencias escolares xa existentes sobre a compostaxe, dos que foron seleccionados catro (agárdase chegar a seis) para expoñelos nun congreso escolar que se celebrará en Pontevedra en datas aínda por determinar.