Logo de dar conta nas anteriores reportaxes a modo de inventario dos petroglifos da Pena Cantadoira, mámoas do Monte de Bullas, Castelo do Carrio, mámoas de Busto, petroglifos de Brenzos, miradoiro de Penaredonda, lagoa do Carrio e Coto da Capela, nesta última referiremos os petroglifos da Fonte da Anella, a Pena Cabalada, as mámoas da Pena do Ouro e o castro de Outeiro Grande. Poida que no futuro vaian asomando novos achádeos, máis referencias da tradición e documentais que incrementen o patrimonio da Serra do Carrio que aquí tratamos de expoñer. Tamén se poderían dedicar algúns capítulos a flora e fauna deste espazo natural e arqueolóxico, que deixamos para cronistas máis expertos nestas cuestións.

A estación rupestre da Fonte da Anella na aba Sur do Carrio, foi a primeira das descubertas no municipio de Lalín. A medidos da década dos noventa de xeito casual, cando o profesor e entón concelleiro lalinense Cristobal Fernández Vázquez veciño de Bermés, gozaba dunha xornada de caza no Carrio, atopou varios gravados inéditos. Dou conta do descubrimento ao seu colega e investigador Antonio Presas quen logo de facelo público informou aos de Patrimonio da súa existencia para que procederán a súa catalogación.

Nunha peneda de granito de uns 5x2,5 metros pode verse con claridade un orixinal labirinto dobre que coidamos único na comarca cunhas medidas de uns 50x40 centímetros e varias combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central a maior delas de uns 40 centímetros. de diámetro. As combinacións aparecen enlazadas e tamén poden verse algunhas coviñas arredor.

A uns 180 metros ao SW. desta estación da Fonte da Anella achamos un petroglifo no medio do camiño difícil de ollar logo de que a erosión e o paso de maquinaria por riba del. Poden verse con dificultade polo desgaste que presentan, dúas combinacións con círculos concéntricos de uns 25 centímetros de diámetro cada unha, que e constitúen unha mostra dos moitos gravados que se perderon pola acción humana nesta ampla serra.

A uns 200 metros ao Leste da Fonte da Anella está a coñecida Pena Cabalada, unha grande peneda de avalar que nos últimos tempos perdeu esa virtude e en torno a que se teceron numerosas lendas.

Á dereita da pista asfaltada que sube dende a estrada de Lalín a Vila de Cruces cara o cumio da Serra do Carrio, atopase o castro de Outeiro Grande. Pouco queda deste enclave dos antigos habitantes da prehistoria, só os restos da muralla polo poñente e do terraplén polo Leste e onda a pista que o atravesou en tempos recentes cando se achantou sobre el un aeroxerador. Ignorado oficialmente -aínda agora non figura catalogado nin nas publicacións sobre os castros dezaos- para evitar o seu arrasamento loitou o escritor e investigador Armando Váquez que xa dera conta del na primeira edición do libro "A comarca do Deza" que publicamos en 1989.

Tamén a carón da mesma pista asfaltada á man dereita pode ollarse o campo de mámoas nas proximidades da coñecida Pena do Ouro. Consérvanse moi alterados oito túmulos e só un par deles parecen ter os esteos que forman o dolmen. Incomprensiblemente alguén fai pouco unha plantación de castiñeiros arredor destes enterramentos prehistóricos.