Tres nomes máis figuran xa entre os irmandiños do galego, unidos pola defensa do idioma e baixo a bandeira dos Premios San Martiño, que dende hai 25 anos promove a asociación cultural O Brado da Estrada. Na noite de onte subiron a este particular podio do idioma o clube de fútbol gaélico Irmandinhos, a cooperativa Feiraco e o catedrático de Dereito Mercantil José Antonio Gómez Segade, que recibiron os galardóns pola súa defensa da lingua no ámbito da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, en Galicia enteira e durante toda unha vida, respectivamente.

A entrega dos premios abriu e pechou con música, como xa é costume. O primeiro premio que se entregou foi o que louva o uso do idioma na comarca. Recolleuno o presidente dos Irmandinhos, Ramón Codesido "Mon". Asegurou que este foi "un premio inesperado" e que a difusión do galego que se fai dende este clube é "absolutamente natural". "Prometo que seguiremos nesta liña porque, basicamente, non coñecemos outra", dixo. Os Irmandinhos recibiron o premio de mans do presidente da asociación O Brado, José López Vilariño.

De seguido, foi o presidente da cooperativa Feiraco, José Montes, quen subiu ao escenario, recibindo a escultura deseñada para este galardón do alcalde estradense, José López Campos.Sinalou que "o compromiso con Galicia honra a quen o fai" e suliñou que Feiraco, ademais de estar comprometida coa calidade alimentaria, estao coa súa terra. Non quixo deixar pasala ocasión de felicitar ao Brado pola súa longa traxectoria, que este ano celebra o seu cuarto de século.

O premio San Martiño a toda unha vida de defensa do idioma galego foi o último en entregarse. O padroado escolleu este ano ao doutor en Dereito José Antonio Gómez Segade. Foi o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lle fixo entrega dun premio que espertou cinco sentimentos no corazón deste catedrático de Dereito Mercantil. Confesou Gómez Segade que no seu corazón aniñan a "gratitude" polo recoñecemento e o "orgullo" por terse incorporado a unha nómina de persoeiros e entidades ilustres. Falou tamén da "lealdade" á lingua, ao país e á cultura, aínda que tamén recoñeceu "preocupación". Dixo cun sorriso sentila polo feito de que o recoñemento sexa a toda unha vida -asegurou que non ten pensado erguer "bandeira branca"- e tamén porque, se estes premios aínda son precisos, amósase que "aínda queda moito que facer" polo galego. Finalmente, despediuse cun sentimento de "esperanza" por que aínda queden moitas primaveras máis para o idioma.

O presidente de O Brado recoñeceu que a lingua está en declive e que a solución esixe traballar "todos xuntos: pais, nais, escola e administracións".