Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cerdedo perdeu a memoria

Lembranza de Francisco Varela Garrido (III)

Participa nas protestas sociais do 34 e foi detido. No 36 sería condenado, tras consello de guerra, á última pena

Afiche conmemorativo da Revolución de outubro do 34

Alentada polo PSOE e a UXT, a chamada folga xeral revolucionaria principiou o 5 de outubro de 1934, cadrando co Bienio Conservador da República (novembro 1933-febreiro 1936). A revolta callou en Asturias e mais en Catalunya.

O Goberno de dereitas (PRR-CEDA) truncou a reforma agraria, devolveulle as terras á nobreza, anulou as reformas laborais, paralizou a reforma educativa, negociou un novo concordato co Vaticano, derrogou o Estatut de Catalunya... O movemento folguista, duramente reprimido, saldouse cuns 1.500 mortos e perto de 30.000 detidos.

Militante de Izquierda Republicana, Pancho Varela responde á chamada do seu partido e participa, canda Antonio Sueiro Cadavide (o alcalde de Cerdedo) e outros veciños, nas encarnizadas xornadas de protesta social de outono do 34.

Tachados de "extremistas", o día 8 de outubro son detidos Sabino Bugallo Valiñas, Carlos González Estévez, Francisco Varela Garrido e Xosé Torres Paz. En busca e captura, o día 11, deteñen o alcalde Antonio Sueiro Cadavide; o día 15, o seu fillo Camilo, e o día 22, a Alfredo Iglesias. Entre outras acusacións, responsabilízanos da autoría "dun movemento subversivo que se tramaba en Cerdedo", de montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), perto de Pedre, e de seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Antonio Sueiro Cadavid, alcalde de Cerdedo, será acusado de publicar o día oito de outubro un bando declarando o estado de guerra no concello. Un veciño cualifícaos de "suxeitos de ideas avanzadas".

A Garda Civil practicou rexistros nas vivendas dos aludidos, incautándose de armas e municións (eran cazadores), e publicacións "subversivas" (eran xente lida).

Na casa de Pancho Varela, a Garda Civil atopa unha escopeta de caza (calibre 12), para a que tiña licenza, e unha xeitosa biblioteca ben fornecida de "libros, revistas, cartas e prospectos extremistas". A seguir, enumero os títulos secuestrados e o número de exemplares: El pancismo (6), El fascismo (2), El socialismo (3), Dios, mala entraña (4), Jesucristo, sangriento pelele (1), El monarquismo (3), Cristo visto por un ateo (2), El sindicalismo (2), Los fabricantes de milagros (1), El republicanismo (1), Opresión (1), El comunismo libertario (5) e a revista Estudios (6); editados en Valencia por A. Martínez Carrasco. Amais: "periódicos extremistas" (8), "hojas de propaganda electoral" (200) e "un guión color rojo", é dicir, unha bandeira vermella.

O libro Jesucristo, sangriento peleleé da autoría do xornalista Vicent Miquel Carceller (1890?-1940), director da revista anticlerical La Traca. O libro "El comunismo libertario" é da autoría do médico Isaac Puente Amestoy (1896-1936), colaborador da revista La Traca. Ambos os dous morrerían fusilados. "Estudios" era unha revista de orientación anarquista publicada en Valencia entre 1922 e 1937.

Tras pasaren dous meses en prisión, son postos en liberdade. No xornal pontevedrés El País do sábado 15 de decembro de 1934 (páx. 2), baixo o titular "Después de la huelga. Más detenidos en libertad", lemos: "Ayer tarde fueron puestos en libertad los siguientes vecinos de Cerdedo que se encontraban presos con motivo de los pasados sucesos: Sabino Bugallo, Carlos González Estévez, Antonio Sueiro Cadavid, Francisco Varela, Camilo Sueiro Bouzas, José Torres Paz y Alfredo Iglesias" (ídem, en El Pueblo Gallego do 16 de decembro de 1934, páx. 14).

Vexamos quen eran algúns dos ilustres compañeiros de cela de Francisco Varela Garrido:

Antonio Sueiro Cadavide: alcalde de Cerdedo, membro destacado do PRRS e dirixente da Sociedade de Agricultores e Obreiros de Lourido-Cerdedo (a Garda Civil atopou na súa casa dous paquetes de dinamita). Antonio Sueiro Cadavide, Antonio "do Lagharto", meu bistío avó e pai de Camilo Sueiro Bouzas, era natural de Lourido, mais casou en Limeres (lugar do Lagharto). Á fronte do Concello, mandou construír, entre outras, a ponte de Arén (sobre o río do Castro), a ponte dos Portamuíños (sobre o río do Seixo) e a ponte sobre o río das Cervas, entre Lourido e Limeres, que, consonte a retranca popular, fora unha obra impulsada polo amor.

Carlos Gónzález Estévez: secretario do concello. Sabino Bugallo Valiñas: de primeiras, membro destacado do PRRS, despois presidente de IR en Cerdedo e dirixente da Sociedade de Agricultores e Canteiros de Castro (exiliado). Xosé Torres Paz: funcionario municipal, membro do PSOE, dirixente da Sociedade de Agricultores de Cerdedo (asasinado en agosto do 36). Alfredo Iglesias Álvarez: concelleiro do PSOE en Forcarei, dirixente da Agrupación Socialista Obreira de Presqueiras (represaliado).

Dende o ano 34, Pancho Varela milita nas fileiras de Izquierda Republicana. No vespertino El País do luns 27 de xaneiro de 1936 (páx. 3), baixo o titular "El Partido de Izquierda Republicana celebra su Asamblea Provincial en Pontevedra con el máximo entusiasmo", lemos: "A las diez y media en punto de la mañana del día de ayer, comenzó sus trabajos la Asamblea Provincial del Partido Izquierda Republicana con la asistencia de los delegados de las agrupaciones municipales de..." Como delegado por Cerdedo, asiste Francisco Varela Garrido.

Como xa expuxemos, durante o Bienio Reformista, o Goberno legalizara o matrimonio civil (28-6-1932). Pancho Varela, na súa calidade de secretario do Concello de Cerdedo e xunta o mestre Francisco Varela Buela "don Paco", exercen de testemuñas dos novos enlaces, ritualizados á marxe da Igrexa. A dereita de Cerdedo segue tomando boa nota.

Na edición vespertina do xornal madrileño Heraldo de Madrid do sábado 1 de febreiro de 1936 (páx. 14), baixo o titular "Matrimonios civiles en Pontevedra", lemos: "En el juzgado municipal de Cerdedo se ha celebrado el enlace matrimonial civil de los jóvenes Severino Simal Penelas y Valdina Figueras.

Actuaron como testigos los vecinos Francisco Varela Garrido, secretario de juzgados municipales, y Francisco G. Varela Buela, maestro de las escuelas nacionales.

Del mismo modo, y con igual acompañamiento, se efectuó el enlace matrimonial de los jóvenes Isolino Penelas Sieiro y Carmen Vilas Souto".

Na primeira plana do referido xornal, destacan os titulares "Las derechas manejaron en 1933 catorce millones de pesetas con fines electorales" e "El lunes serán conocidas las candidaturas que el Frente Popular presenta por toda España".

O 23 de abril de 1936, Pancho Varela obtén a credencial de candidato a compromisario para as eleccións do presidente da República.

Os días 17 e 18 de xullo de 1936, ten lugar a sublevación militar contra o Goberno da II República que fora lexitimado polas urnas en febreiro dese mesmo ano. O golpe de Estado abocaríanos a unha guerra civil (1936-1939) e, derrotado o Exército Popular, a un réxime totalitario (a "longa noite de pedra"), baixo a caudillaxe de Francisco Franco (1939-1975).

E chegou o terror. Nunha España acirrada polo lema "¡Viva la muerte. Abajo la inteligencia!", no xornal El Diario de Pontevedra do martes 27 de xullo de 1937 (páx. 2), respondendo ao titular "Cumplimiento de sentencias", lemos: "Esta mañana se dio cumplimiento a las sentencias dictadas en consejo de guerra, condenando a la última pena a Francisco Varela Garrido, de Cerdedo; José Gallego Nogueira, José Mejuto Bernárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas, y José Meis Martínez, de Pontevedra".

No xornal El Pueblo Gallego do mércores 28 de xullo de 1937 (páx. 7), baixo o titular "Ejecución de sentencias", lemos: "Pontevedra.- Cumpliendo sentencia dictada en consejos de guerra, en la mañana de ayer han sido pasados por las armas José Meis Martínez, de Pontevedra; Francisco Varela Garrido, de Cerdedo y José Gallego Nogueira, José Mejuto Barnárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas". A cabeceira da publicación acompáñase agora do xugo e as frechas.

O xornal madrileño La Libertad do sábado 21 de agosto de 1937 (páx. 2), facéndose eco do publicado por Faro de Vigo e baixo os titulares "¡Galicia mártir! e "Los facciosos siguen asesinando ciudadanos 'legalmente'", escribe: "Cumplimiento de sentencias.- Pontevedra. En las primeras horas de la mañana de ayer (27 de xullo) se ha dado cumplimiento en esta capital a la sentencia de uno de los consejos de guerra celebrados, en que fueron condenados a la pena capital José Meis Martínez, de Pontevedra; Francisco Varela Garrido, de Cerdedo; José Gallego Nogueira, José Mejuto Bernárdez y Antonio Fernández Fernández, de Cangas".

Continuará?

Compartir el artículo

stats