Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da historia e xenealoxía do Pazo de Oca

A revista 'Nalgures', que se presenta en marzo, recollerá un artigo sobre o pazo

Constanza Ozores, ano 1726.

O Pazo de Oca é o título do artigo presentado na revista Nalgures, da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, polos xenealoxistas José M. Bértolo y Luis Ferro. A revista, que xa saíu do prelo, será presentada a principios do mes de marzo na cidade de A Coruña.

O artigo describe en 83 páxinas a construción do pazo e os seus xardíns, a súa capela e a xenealoxía dos donos do pazo desde o século XV. María de Neira é quen comeza a saga dos actuais propietarios. Dita María de Neira ten unha relación moi importante coa bisbarra de A Estrada, pois casou en 1543 con Bartolomé Rodríguez Sarmiento, fillo do dono da Torre de Guimarei, en 1567 fundou o oratorio de San Antonio, xerme da actual capela do pazo, e en 1586 mercou as terras, xurisdición e casa-torre de Oca.

Os seus sucesores vivían a cabalo Santiago e Oca, onde algúns deles tiveron fillos ilexítimos. Interesa destacar a Andrés Gayoso Ozores (Ourense, 1670-Santiago,1733) que xunto coa súa esposa Constanza Arias, condesa de Amarante e en 1718 marquesa de San Miguel das Penas, comezaron en 1701 as obras do pazo e do cruceiro que hai diante. Logo continuou as obras ata 1746 o seu fillo Fernando Gayoso (Oca, 1697-Valladolid, 1758), que foi quen fixo tamén a capela.

A Fernando sucedeuno o seu fillo Francisco Javier que por mor da súa voda coa condesa de Eril deixou empeñada a familia cunha hipoteca que se arrastrou ata principios do século XX. Precisamente esta condesa tivo unha gran relación epistolar de amizade cun capelán castrense nos anos 1761-64 nas que a condesa fala da súa vida en Oca, das comidas (empanadas, chocolate, lampreas,..), da abstinencia durante a coresma -que non respectaba-, etc.

Na segunda metade do século XIX e no XX a presenza dos donos do pazo foi bastante importante, por iso o Concello de A Estrada en 1930 recoñeceu oficialmente a intervención do marqués de Camarasa no pazo de Oca que "sin reparar en cuantiosos gastos, viene hace tiempo restaurando y hermoseando el castillo de Oca radicante en este Ayuntamiento y los preciosos parques y jardines que le circundan [...] y con ello ha conseguido que los que antes eran contados turistas que nos visitaban hayan aumentado en número verdaderamente grande". Por iso cando Ignacio Fernández de Henestrosa e Gayoso dos Cobos acudiu a Oca xunto con S.A. Afonso de Borbón, fillo primoxénito do rei Afonso XIII, o Concello de A Estrada organizou un especial recibimento para o que se contratou ao grupo de "Gaiteiros de Soutelo" e a dous bailaríns.

Interesante é tamén a relación de administradores e/ou capeláns do pazo, como Domingo Recarei, avó de José Recarei, quen casou con Benita Pazos Valladares da casa-pazo de Curantes, coñecida agora co nome de Casa de Recarei ou da Nugalla. Domingo Recarei "mayordomo y factor de don Juan de Gaioso Neira y Mendoza, residente en los palacios de Oca" e logo do seu fillo Andrés Gaioso, en 1718 foi a Coruña co fin de facer o enterro de Pedro Arias "marqués de San Miguel", o cuñado de Andrés.

Tamén foi administrador do pazo de Oca don Manuel Morciego Población, tío de Mª Concepción Núñez Morciego, a nai de Marcial Valladres Núñez.

O artigo é presentado con máis de 50 fotografías do pazo e dos seus moradores, que ilustran dito estudio.

Compartir el artículo

stats