Despois da ausencia do PP no último pleno do ano, queda claro que neste mandato, Aragunde vai optar máis pola teatralidade política que polo traballo municipal. A súa estratexia política consiste en acaparar presencia nos medios de comunicación, deixando de lado o traballo polos veciños que elixiron ao PP para estar na oposición durante estes catro anos.

Usar só unha consigna: "o cuatripartito non se entende" e calquera tema vale para repetila; sexa onde pega un cartel o BNG ou que o correo electrónico non lle chegou a tempo. É dicir, Aragunde pretende vivir de rendas nesta lexislatura. Pero todo iso xa o sabiamos desde o inicio coa incomodidade que lle supón a celebración de plenos mensuais. Plenos mensuais aos que o PP non aportou nada e que estiveron, excepto onte, moito máis cargados de contido que cando Aragunde os convocaba cada dous meses. E, por certo, non o facía para aforrar, senón para evitar dar a cara ante a oposición e os veciños o mínimo posible. Ademáis, tampouco valen as afirmacións gratuitas, e que Aragunde consulte na hemeroteca as protestas do BNG que aparecen nos medios pola tardanza na convocatoria dos plenos, ou se houbo ausencia dos concelleiros do BNG dun pleno pola mesma causa. A ver se topa algunha mención. Máis ben todo o contrario, pois o BNG sempre colaborou e facilitou o bo desenvolvemento da actividade plenaria e, na oposición, adicouse a atender as demandas sociais e menos ao "postureo" deste PP na oposición.