Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pablo Jueguen García: "De pequenos iamos merendar ao monumento do Xiabre e xogabamos a ser pilotos"

O documental de Pablo Jueguen sobre o accidente do hidroavión de Icona en 1976 preséntase o día 10 nas festas de Guillán

Paglo Jueguen -esquerda- na base militar de Lavacolla durante a rodaxe. // Rafael Sabugueiro

O vindeiro 8 de setembro cúmprese o 40 aniversario do accidente de hidroavión no monte Xiabre, un sinistro no que faleceron o alférez José Luis Herraiz, o brigada José Cachofeiro e o Sarxento José Pérez e que marcou para sempre aos veciños de Guillán. Pablo Jueguen García homenaxea agora ás tres vítimas e ás persoas que se xogan a vida na loita contra os incendios forestais cun documental sobre aquel tráxico suceso. Non estará rematado para conmemorar o aniversario, pero o día 10 de agosto, coincidindo coas festas de Guillán, amosará un pequeno avance do seu traballo.

- Aínda non naceras cando tivo lugar o accidente. ¿Lembras cando foi a primeira vez que oíches falar deste suceso no Xiabre?.

-Son natural de Guillán, nacín en 1980, catro anos despois do accidente, polo que sempre estivo presente na miña vida. Sei de memoria a historia do suceso da boca da miña nai e dos meus avós. O primeiro recordo que teño sobre o tema son as misas de campaña que se celebraban no monumento de Xiabre o día da festa os vindeiros anos. Recordo tamén que as nosas nais nos levaban a merendar alí e que xogabamos a que eramos pilotos sentados entre as ás do avión. O monumento pasou a formar parte da vida da aldea dende o primeiro momento. Outro recordo é o décimo aniversario desta catástrofe. O adro da capela de Guillán estaba ateigado de xente. Había autoridades civís e militares, ademáis de tódolos veciños. A xente choraba mentres Manolo "O Rodaballo" poñía voz a unha carta dos veciños aos familiares das vítimas.

- ¿Como recordan os veciños de Guillán aqueles feitos?

- Guillán é un pobo pequeno e humilde, deses nos que nunca ocorre nada, ou case nunca, polo que este suceso deixou marca na aldea para sempre. Era o 8 de setembro, día central da festa de Guillán -sómosche ben festeiros-. Foi unha mañá de festa normal, con alboradas e foguetes, houbo a tradicional procesión e cada familia recibía aos seus invitados para a comida na honra da patroa. Xa na sobremesa, sobre as cinco da tarde, o atronador ruído dun avión a moi baixa altura alertou aos veciños. Moitos viron como o aparato pasaba a rentes dos tellados cruzando a aldea para precipitarse escasos metros despois. As xentes de Guillán abandoaron a mesa para acudir ao lugar do sinistro para axudar aos tripulantes da aeronave. Corenta anos despois os veciños que presenciaron o suceso conservan recordos frescos e vívidos, moitos emociónanse ao falar do tema, recordan sons e cheiros, tamén a tristura con que se viviu a festa ese ano e os anos vindeiros.

- ¿Como xurdiu a idea ou posibilidade de facer este documental?

- A idea de realiza-la reportaxe levaba tempo no meu maxín. Busquei o apoio de colegas do audiovisual que tamén teñen unha relación cercana co accidente. Hai xa dous anos que Aitor Miguez, Cristina Durán, Rafa Sabugueiro -fillo- e mais eu estamos a perfilar este proxecto, os catro compartimos esta bonita aventura dende o principio. O fin desta reportaxe é preserva-los recordos das xentes de Guillán que se van diluíndo no tempo. As mulleres e homes que tiñan 40 anos daquela hoxe teñen 80, outros xa non están. Queremos que os máis mozos coñezan tamén a historia do monumento de Xiabre, que non se perda. É a historia da miña aldea, da nosa cidade, tamén da loita contra o lume no noso país.

- ¿Con que fontes contaron para investigar o sinistro?

- A nosa primeira fonte son os veciños de Guillán, eles estiveron alí presentes o día do accidente, a suas historias foron a nosa guía. Ademais, Cristina Durán fixo unha labor de documentación excelente, dispoñemos da prensa da época, de material audiovisual, da documentación da que o Concello de Vilagarcía dispón, tamén das fotografias de Rosita Rañó, que serán expostas na Casa da Cultura de Guillán a partir do 10 de setembro. Todo isto axudounos a ter unha visión bastante precisa do que ocorreu aquel día tan sinalado.

- O 404 Escuadrón xa non existe, os seus herdeiros son o 43 Grupo das Forzas Aéreas. ¿Participou dalgún xeito no documental?.

- Por suposto que contamos coa sua axuda, non concebimos a reportaxe doutra maneira. Ademáis de documentación e información fiable, proporcionáronnos testemuñas esenciais. Levamos meses en contacto e dende a primeira chamada a colaboración foi total, xa que foi o primeiro accidente de Icona e tamén é importante para eles. Unha curiosidade, existe un monumento similar ao noso de Xiabre na base aérea de Torrejón de Ardoz, onde o 43 Grupo ten base.

- ¿En que lugares se gravou esta reportaxe?

- As localizacións son moi diversas, gravamos na aldea de Guillán, na capela, nas casas dos veciños, no monolito... Tamén visitamos a base militar de Lavacolla e a de Torrejón de Ardoz en Madrid. A aldea de Guillán foi o escenario principal desta traxedia hai 40 anos, aínda que nos consta que acudiu xente de tódalas aldeas cercanas (Trabanca, Carril, Bamio, ...) e é por iso que decidimos ensinar a aldea tal como é, os veciños abrironnos as súas portas e a colaboración foi total. En canto ás localizacións de Lavacolla e Madrid, ofrecennos testemuñas de primeira man, que lle dan o rigor que esta historia quere. Tamén nos interesaba moito poder contar coa visión dos pilotos das "focas" -como eles alcuman con agarimo a estos aparatos Canadair. Eles pelexan como as tres vítimas pelexaron e tamén coñecen cales son as dificultades que unha manobra de extinción require. Tamén é unha homenaxe para eles. Estamos moi agradecidos pola súa colaboración e o máis importante, polo seu traballo

- Ademais da presentación nas festas de Guillán, ¿o documental vai ter máis recorrido?

- Cando alguén se embarca neste tipo de proxecto o obxetivo sempre é o mesmo: chegar ao público. O noso desexo é que está película teña caracter divulgativo, que se poida ver nos colexios e institutos da zona, para que os máis novos coñezan de primeira man este suceso e para que poidan entender en que consiste e que riscos conleva loitar contra o lume. Gustaríanos poder acudir a algún festival de curtametraxe e poder ensinar con orgullo o compromiso que Vilagarcía ten na loita contra o lume. Estaremos encantados de proxectar este documental en calqueira foro con interese neste tema.

Compartir el artículo

stats