14 de noviembre de 2017
14.11.2017
tRIBUNA LIBRE

Caer da burra

14.11.2017 | 03:05
Caer da burra

María Antonieta, esposa de Luís XVI de Francia, tiña por encargada de protocolo a Madame Noailles, que era excesivamente ríxida. Un día, nun paseo polo campo, caeu a raíña da burra en que ía montada e, farta como estaba da súa dama, para ridiculizala, ordenou: "Chamade a madame Noailles para que nos diga o que manda a etiqueta cando cae da burra a raíña de Francia".

O referendo do 1-O, tinguido de dramatismo, foi consecuencia, por un lado, de que hai cuestións non resoltas na organización territorial do Estado que provocan desafección en Cataluña, e, por outro, do ensimesmamento e pasividade do Goberno central, incapaz durante 5 anos de tomar a iniciativa política e buscar os consensos necesarios, delegando a súa responsabilidade nas institucións de xustiza e pensando erradamente que co recurso á forza os problemas desaparecen. Rajoy dixo que a Policía actuou de forma exemplar o día 1 de outubro, pero cargas brutais dos antidisturbios contra persoas concentradas pacificamente para votar deron a volta ao mundo causando estupor e repugnancia. Debería pedir perdón. A crise social, política e institucional que queda é de envergadura, e requirirá tempo e prudencia para resolvela.

Co espazo da política ocupado polo tempo da xustiza, pesando cargos sobre o maior dos Mossos e prisión sobre os presidentes das organizacións soberanistas Òmniun Cultual e a Asemblea Nacional Catalá despois de declarar na AN, nun contexto de fuxida de empresas favorecido polo Executivo, perda de depósitos, conxelación de investimentos, afundimento bolsista, caída do turismo e ameaza de recesión, Puigdemont, constatando a determinación do Goberno de aplicar o artigo 155 da Constitución, renuncia a convocar eleccións anticipadas e opta pola votación simbólica no Parlament da declaración de independencia.

Co apoio do PSOE e de Cidadáns, amparado polo Senado, o Executivo decide entón intervir a autonomía de Cataluña, acordando a destitución de todo o Govern, asumir o control da Administración catalá, incluídos os Mossos, e disolver o Parlament convocando eleccións para o 21 de Nadal. Ao mesmo tempo, o Fiscal Xeral do Estado interpón querela por rebelión, sedición e malversación de fondos públicos contra o president e o seu Govern na Audiencia Nacional, e no Tribunal Supremo contra os membros da Mesa do Parlament. Nun caso dá como resultado prisión cautelar para os membros do Govern, que acoden a declarar, e, noutro, evidenciándose disparidade de criterios, prisión eludible baixo fianza para os membros da Mesa. Pola súa parte, Puigdemont e catro ex-consellers, acolléndose á xustiza belga por considerala con máis garantía, buscan unha confrontación coa de España.

As portas do diálogo e da negociación política están pechadas, e as manifestacións, cazoladas, folgas, concentracións e sentadas de protesta pedindo a liberdade para os presos, xunto con declaracións diversas e actos preelectorais sucédense nun clima de tensión. Probablemente, despois do 21D, cunha composición do Parlament similar á resultante das eleccións de setembro de 2015, con maioría independentista, segundo prognostican as enquisas, estaremos de novo no punto de partida, evidenciándose que non se pode encadear mediante o Código Penal a vontade democrática da cidadanía. A problemas políticos, solucións políticas. Como no caso da raíña de Francia, haberá que recorrer a un mediador protocolario para que diga o que hai que facer cando caen da burra os poderes do Estado, e iniciar así un necesario diálogo que posibilite unha solución axeitada ao problema de Cataluña.

*Veciño da Estrada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine