Regreso de Martín Códax ao mar de Vigo

26.09.2017 | 02:04
Regreso de Martín Códax ao mar de Vigo

O pasado venres, representantes da Universidade de Vigo e mais da Xunta participamos no acto de recollida do Pergamiño Vindel na prestixiosa Biblioteca Morgan de Nova York. Tratouse dun acontecemento cultural relevante para Galicia, por canto supoñía iniciar a viaxe de volta desta obra mestra da literatura e a música de nós desde a cidade dos rañaceos cara á ría de Vigo. A chegada, polo tanto, do Vindel ás súas orixes xeográficas e á contorna que o viu nacer, que culminará coa exposición temporal no Museo do Mar de Galicia deste tesouro cultural.

En realidade, detrás de Pedro Vindel, ese destacado libreiro e bibliógrafo conquense que descubriu accidentalmente o pergamiño encartado nun De officiis de Cicerón, e lle deu nome ao seu achado, revélasenos a figura maiúscula de Martín Códax e as orixes da literatura galega. Uns textos en forma de cantigas musicadas que elevaban o noso idioma a ferramenta de precisión para a arte e a poesía, deixando entrever, en palabras do Nobel Octavio Paz, o aló no aquí e o sempre no agora. Uns poemas que, grazas ao traballo investigador e divulgador realizado pola Morgan, se proxectan alén das nosas fronteiras e se recoñecen nos círculos filolóxicos e literarios polo seu valor universal.

Martín Códax, Mendinho e Johan de Cangas, os coñecidos como trobadores da ría de Vigo, son os tres autores máis antigos aos que a Real Academia Galega lles ten dedicado o Día das Letras. Neste sentido, pódese afirmar que se Rosalía é sen dúbida a nai das nosas letras, estes enigmáticos creadores descóbrensenos como uns dos primeiros pais. Escritores afastados no tempo, pero próximos a nós en sensibilidade e dos que multitude de autores do século XX e XXI son herdeiros directos, dándolle nova vida ás voces que resoaron nesta ría hai máis de setecentos anos. Por non estenderme, estas cantigas foron a fonte da que beberon grandes poetas como o ponteareán Bouza Brey ou o mindoniense Álvaro Cunqueiro. Creadores de valor indiscutible, abandeirados do movemento neotrovadoresco.

As sete cantigas de amigo de Martín Códax presentes no Pergamiño Vindel, seis delas con notación musical, son cancións de namorada nas que se sinte como en poucas ocasións a beleza da ría e o mar de Vigo, como símbolo e marco dunhas escenas rebordantes de emoción. Pero a maiores das súas calidades literarias, cómpre sinalar a súa singularidade, baseada no feito de que no conxunto do corpus de cantigas galego-portuguesas son escasísimos os exemplos de manuscritos que chegaran a nós completos, coa súa notación musical. Esta excepcionalidade é, en boa parte, o que o fai merecente de estar nunha institución do prestixio da Morgan, ao carón das copias da Biblia de Gutenberg ou do manuscrito da sinfonía Haffner, de Mozart.

Mais a maiores, co Vindel, estamos a falar dun ben patrimonial cuxo significado excede ao eido cultural, para enraizar no social e identitario, polo que desde a Xunta comprometemos todo o noso esforzo para que este proxecto expositivo, de exploración das nosas orixes literarias e musicais, sexa un fito para Vigo e para Galicia, converténdose na aposta cultural máis importante de Galicia durante este ano 2017.

Así, a partir do vindeiro 10 de outubro e até o 4 de marzo, o Museo do Mar de Galicia, sito na parroquia viguesa de Alcabre, acollerá a mostra "Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas", epicentro dun programa de actividades deslocalizado que levará a outras lugares da nosa terra a figura e a obra de Martín Códax, afondando na emoción estética e a experiencia histórica que supón contemplar un obxecto que dialoga con nós e que nos representa no mundo. Unha programación que tratará de recuperar un escenario, un idioma e unha sensibilidade que falan das nosas orixes, froito dun traballo de cooperación e suma de esforzos entre a Universidade de Vigo e a propia Xunta.

A distancia é condición do descubrimento. E, precisamente, a distancia que desde tempos inmemoriais o pobo galego mantivo co pergamiño que agora chega a Galicia fai que esta exposición, froito da colaboración da Morgan Library, a Universidade de Vigo e a propia Xunta, sexa unha oportunidade única para coñecer de primeira man a Códax e ese mítico mar de Vigo, coas súas delicadas ondas medievais. Aquelas que abanearon a nosa lingua desde o seu berce.

*Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Suscriptor | Opinión

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

POR RAFAEL L. TORRE

Fotógrafos callejeros

Los pontevedreses disfrutaron desde los años 40 de una saga inolvidable que compusieron las...

 
 

ANTONIO TOURIÑO

¡Para qué más juzgados si ya hay ´Lexnet´!

Cierto rostro de perplejidad debería quedarles a muchos el...

 
 

FEDERICO MARTINÓN SÁNCHEZ

León XIII, un ejemplo de ´envejecimiento satisfactorio´

El 20 de junio de 1903, León XIII tenía ya más...

 
 

MIGUEL ÁNGEL MARTÍNEZ COELLO

El sifón sin cabeza

Si hay algo que hasta la fecha me había intrigado era lo de? el sifón sin cabeza....

 
 

JULIO SANTOS PENA

Nuevos aires en el BNG local

Suerte Xurxo El BNG inicia una nueva etapa, otra más de esas...

 
 

DAVID OTERO*

As bibliotecas

Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca...

 
 
Enlaces recomendados: Premios Cine