Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Martín Códax cantor do mar de Vigo (e III)

Tal como aparece na obra dos profesores Alonso Montero, H. Monteagudo e X. R. Pena, os xograres e músicos de extracción popular insuflaron unha nova vida á poesía trobadoresca, introducindo formas e motivos de longa tradición en Galicia: trátase das Cantigas de amigo. Martín Códax, grazas ao seu talento, abriuse camiño nas cortes dos nobres, e alcanzou tal recoñecemento que as súas cantigas pasaron aos Cancioneiros, e circularon de xeito independente, como mostra o Pergamiño Vindel. Martín Códax é un dos poetas máis inspirados dos nosos cancioneiros medievais -de feito, de toda a lírica europea da idade media-, tal como recoñecen os mais estudosos da literatura medieval europea. Un motivo recorrente nestas, que fascina a uns e outros, é o mar de Vigo, que resoa frecuentemente nos poemas de Códax na forma plural das femininas ondas. Se impresiona a poderosa presenza do 'mar salido' / 'mar levado', cativa non menos o rítmico ecoar das ondas que a amiga interroga aprensivamente polo seu amado e nas que convida as súas amigas a bañarse.

Na primeira cantiga, a amiga agarda a chegada do seu amigo, e pedindo as ondas do mar de Vigo que dean noticia del: " Ondas do mar de Vigo / sabedes novas do meu amigo? / Ai Deus, e virá cedo? Na segunda cantiga, a amiga dille a súa nai que recibiu novas do amigo, que se supón de volta dunha campaña militar, pero que, segundo lle din, vai chegar "vivo e san", polo que se apura a ir ao seu encontro: " Chegoume recado / que ven meu amigo / e irei madre a Vigo". Na terceira cantiga da serie, a moza diríxese a irmá para que vaia con ela á igrexa de Vigo mirar as ondas onde vai ir tamén o seu amigo: "Miña irma fermosa, vinde logo comigo / á igrexa de Vigo, á beira do mar bravío / E miraremos as ondas!". A cuarta cantiga preséntanos a amiga en Vigo solitaria ("senlleira"), desesperada porque o amigo non dá chegado: " Ai Deus, se sabe agora meu amigo / como eu senlleira estou en Vigo / E vou namorada!.

A fermosísima quinta cantiga presenta a mociña convidando as súas amigas o baño nas ondas de Vigo, nunha imaxe esplendorosa ateigada de suxestións de rito e vida: " Cantas sabedes amar amigo / vinde comigo ao mar de Vigo / E bañarémonos nas ondas!". A sexta cantiga, a única que non ten notación musical, volve presentar a amiga solitaria, perdida xa na ermida de Vigo, nunha escena sobrecolledora: " No sagrado en Vigo / bailaba corpo belido / Amor hei!.

A sétima cantiga, pecha o ciclo, coa amiga volvendo preguntar en van ás ondas sobre o paradoiro do namorado: " Ai ondas que eu vin mirar / se e saberedes contar / por que tarda meu amigo sen min?.

En todas as sete cantigas de Martín Códax, menos na sétima, aparece a mención de Vigo. A mención do mar ou as ondas aparece na primeira, terceira, quinta e sétima cantigas. Todas elas están construídas mediante un artificio paralelístico (repetición de palabras e versos), característico das cantigas de amigo, que se chama leixaprén. Con esas repeticións rítmicas dos versos de Códax parece que se quere suxerir o movemento das ondas do mar, tal vez en sincronía co latexar do corazón namorado da amiga. O poeta consegue un efecto de engaiolante beleza: unha "xoia da arte verbal europea" así definido polo ilustre filólogo Roman Jakobson.

As sete cantigas de Martín Códax situadas no mar de Vigo están copiadas nos grandes cancioneiros. Desde 1876 aparecen reproducidas no xornal ourensán El Heraldo Gallego (7/6/1876) nun artigo do vigués T. Vesteiro Torres, que vivía en Madrid e merca un exemplar da 1ª edición do Cancioneiro da Vaticana. É o primeiro traballo sobre Martín Códax. En 1886, Antonio de la Iglesia publica as cantigas de Códax en: El idioma gallego. Su antigüedad y vida. E, descuberto O Pergamiño por Pedro Vindel, en 1914, o primeiro en reaccionar foi o medievalista Eladio Oviedo y Arce que publica en 1916-17 no Boletín da Real Academia Gallega un estudo intitulado: "El genuino Martín Codax, trobador gallego del siglo XIII" ademais de facer unha edición coa música das seis cantigas con pautación musical. En Portugal, a filóloga Carolina Michaëlis de Vasconcellos publica en 1915 na Revista de Filología Española o considerado primeiro estudio cualificado sobre o Pergamiño.

Sabido é que en 1914, os eruditos coñecían as sete cantigas de Martín Códax. Pero eses códices só nos transmitían o texto literario, non o musical. Antes de 1914 ninguén coñecía a música profana da lírica medieval galego-portuguesa (si a relixiosa: nas Cantigas de Santa María). Despois de Michaëlis e Oviedo y Arce, debruzáronse sobre ela, entre outros, o británico Aubrey Bell (1923), o portugués José Joaquim Nunes (1931), os galegos Aquilino Iglesia Alvariño (1951) e Xosé María Álvarez Blázquez (1962), o brasileiro Celso Cunha da Cunha, o ruso-norteamericano Roman Jakobson (1970), os italianos Giuseppe Tavani (1973) e Barbara Spaggiari (1980), o británico Stephen Reckert (1976) e os galegos Camilo Flores (1983) e Luz Pozo Garza (1996).

En 1983, Alonso Montero promoveu unha Homenaxe a Martín Códax, no que se ofrece versión ao galego moderno e tradución dos poemas ao catalán, o eusquera, o castelán, o inglés, o francés, o italiano e o alemán así como traducións a outras moitas linguas do cancioneiro de Codax ao longo do século.

*Membro da A. C. Pertenza

Compartir el artículo

stats