O transporte de pasaxeiros acadou nas últimas semanas un protagonismo mediático inusitado que compre aproveitar para propiciar unha reflexión colectiva sobre o importante papel que desempeña este servizo público no funcionamento cotián da nosa sociedade e, en consecuencia, da necesidade de garantir a súa existencia a curto, medio e longo prazo.

O transporte público é para centos de miles de galegos a canle para acceder á sanidade, á educación, ao ocio ou ao emprego. E nun país coa dispersión xeográfica e o envellecemento demográfico de Galicia, é, ademais, unha ferramenta básica de cohesión social e un órgano vital para a supervivencia do noso rural.

O transporte público é imprescindible para Galicia, pero é tamén unha realidade ateigada de carencias, de defectos e de contradicións que debemos afrontar con valentía ou nos estaremos resignando a deixala esmorecer para sempre, condenando con iso a gran parte do noso territorio ao illamento e ao despoboamento.

As novas regras de xogo establecidas pola Unión Europea, sumadas á sentenza do Tribunal Supremo que o ano pasado anulou as prórrogas ás concesións de transporte público en Galicia, fixan en 2019 o momento da gran transformación dun sistema que hai xa décadas que recoñecemos como obsoleto, ineficaz e decadente.

Pero as renuncias das empresas a seguir prestando os servizos de autobús asociados a máis de 570 liñas a partir do próximo mes de agosto nos sitúan ante a obriga -e tamén ante a oportunidade- de anticipar esa modernización do transporte público naquelas zonas de Galicia onde máis necesario é facelo.

Esquivar esa tarefa inaprazable e substituír o debate, non xa por unha lexítima folga con motivacións fundamentalmente laborais, senón por un bloqueo da vida cidadá con intolerables vulneracións de dereitos tan básicos como o dereito á educación ou ao traballo, é unha opción equivocada, pero é, tamén, unha lamentable perda dun tempo do que non dispoñemos.

Ante o ruído xerado por un intenso cruce de declaracións e non poucas falsidades divulgadas sobre o Plan de Transporte Público, convén aclarar que a única motivación da Xunta de Galicia para impulsalo e defendelo de forma infatigable é a responsabilidade.

Responsabilidade, unha única palabra con múltiples derivadas que conforman os piares sobre os que sustenta o Plan de Transporte Público de Galicia.

Responsabilidade cos veciños de toda a provincia de Ourense, de gran parte de Lugo, do sur de Pontevedra e das zonas concretas da Coruña aos que as renuncias das empresas ás liñas de autobús abocaron a quedar sen servizos de autobús a partir do próximo 7 de agosto.

Responsabilidade cos traballadores cuxos postos de traballo están directa ou indirectamente asociados a esas liñas de autobús que a tan curto prazo van desaparecer do mapa do transporte público en Galicia e cuxo futuro laboral se presentaba certamente anubrado. Fronte a iso, presentamos un Plan que garante autobuses e, polo tanto, garante empregos, e artellamos un sólido mecanismo para garantir a estabilidade laboral dos empregados afectados, cuxos últimos termos agardamos acordar plenamente nas próximas xuntanzas coas centrais sindicais.

Responsabilidade tamén coas pequenas e medianas empresas que son predominantes no tecido empresarial galego do sector do transporte público, un negocio que a configuración actual das concesións de pasaxeiros viña facendo cada vez máis deficitario e difícil. Á preocupación do Goberno galego pola súa supervivencia responde a decisión de contratos zonais dun tamaño razoable, pero sobre todo, equilibrados e viables.

Responsabilidade cos recursos públicos, que nos obriga a aproveitar a gran oportunidade de uso social que representa a extensa rede de transporte escolar que a Administración autonómica custea con 120 millóns de euros cada ano. É o momento de acabar con esa gran contradición que supón que os veciños do rural teñan que percorrer quilómetros e quilómetros para poder acceder ao transporte público de liña mentres ve parar ante a súa casa un autobús escolar financiado por todos os galegos e con prazas vacantes. É a nosa responsabilidade facelo, sen inventar nada novo, seguindo a estela do camiño iniciado antes por comunidades como Asturias ou Castela e León, e que comezan a explorar a maioría das autonomías.

E responsabilidade, por riba de todo, cos nenos e coas súas familias. Porque o Plan deTransporte Público blinda e concede carácter absolutamente prioritario a atención das necesidades dos escolares nas liñas de uso compartido. Por iso os percorridos dos estudantes, as paradas e os tempos de viaxe se manterán inalterables, mentres se reforza a seguridade e se garante a figura do acompañante en todas as liñas, máis alá do que esixe a Lei.

Resulta doadamente comprensible a inquedanza e as resistencias que producen os cambios. Pero sería difícil de entender que un Goberno responsable se deixase vencer polo medo, apostase polo inmobilismo e, deixándose levar, condenase ao seu país a un futuro sen transporte público.