Xa teño dito que odio os días "D" aos que somos tan afeccionados: día da nai, do pai, da muller, do can de palleiro e do queixo da nabiza. Eu sonche de anos de 365, os bisestos 366, e non o de quedarnos tan panchos e felices coa letanía: pasou o día alá foi a romaría. Tampouco che son amigo dos típicos tópicos, iso de que se atopas un galego nunha escaleira, non sabes nunca se está a subir ou se baixa .Os estereotipos e crenzas aceptadas pola xeneralidade son estupideces ao cubo, pero historicamente podemos ás veces atopar algunhas que chaman a atención.

Por exemplo "Finisterre; Finis Terrae"; Galicia, o fin da terra. Para os romanos, Gallaecia e Fisterra quedaban no quinto carallo, e si, certamente enténdese que para eles esta terra nosa fora o fin do mundo. Fillos dos celtas. Cando en plena ebulición do incipiente romanticismo nacionalista se buscan nexos e conexións cos ancestros, os entendidos deron cos "celtas" e foi este o pobo elixido como orixe do noso sermos cultural. A realidade é que temos máis en común cos godos, os suevos, os musulmáns que con aqueles, xa que dominaron o noso territorial ata que no século XII Xelmírez aproveita o filón das peregrinacións xacobeas para construír a nova Gallaecia, o vello reino á sombra de mosteiros e ordes mendicantes e de cabalería.

Os galegos, analfabetos, pobres e parvos. Ata finais do século XII Galicia camiña entre néboas no luscofusco da súa lingua, poesía e romances, rica herdanza común con Portugal, que vai progresivamente afundíndose na penuria, nas pestes do medievo, nas fames causadas polas guerras, nas malas colleitas e no declive das peregrinacións e a man de ferro do poder eclesiástico coa Santa Inquisición á cabeza, o que provoca as emigracións do campesiñado máis desfavorecido os campos de Castela, ano tras ano, á sega do cereal e o trigo, normalmente analfabetos, e da clase labrega máis humilde. Ben os retratou Rosalía nos seus versos."Castellanos de Castela, tratade ben os galegos..."

A emigración como tópico. Non resulta axeitado pensar que a emigración foi o resultado dunha industrialización precaria no noso país, xa que a finais do século XVIII a incipiente industria espraiábase polo territorio ofertando traballo a unha boa parte da poboación, en sectores como a alfareiria, a cantería, a cordelería e curtidoiros, a transformación e salazón de peixe, ou pasta de papel, entre outras. A emigración galega coma tal é unha constante na nosa historia motivada pola presión demográfica, e a pobreza do século XVI, intensificada no XVII cara a Portugal, e posteriormente a América, no século XIX, en moitos casos fuxindo da obriga do servizo militar obrigatorio, os que non podían pagar para liberarse del como facían os fillos dos grandes terratenentes a burguesía e nobreza.

Ás veces as cousas non son tal e como nos contaron e resulta un bo exercicio mental indagar na historia para coñecer quén somos e de ónde viñemos.