Montaigne cavilaba na Torre da Libraría mentres escribía os Essais (dende 2016 en versión galega grazas á tradución lúcida de Gonzalo Navaza). Esa sala persiste malia o paso inexorable dos segundos. No alto están as sentenzas talladas na madeira das trabes. Foron o setestrelo da súa escrita. Entre elas brilla con intensidade: Homo sum, humani nihil a me alienum puto.

Imaxino agora Xosé González no despacho, arroupado cos sons do Nabucco de Verdi, cun bolígrafo axitado por riba do papel e os anteollos con precisión cirúrxica. Ten as súas trabes imaxinarias, de carballo do país, con lemas aprendidos dende pícaro en Teis: Son galego e nada galego me é alleo. Alí o está: cavilando sen acougo, cismando sen repouso, imaxinando sen lindes nin atrancos nin ferrollos. De súpeto, levanta o teléfono e a idea transformouse en suceso.

O exercicio de sentarse e pensar. Sinxelo e necesario, pero infrecuente. O ritmo imposto polo cotián desvela o maxín. Inocúlano-la necesidade de andar veloces, de aquí para acolá, enguedellados en centos de contos e contiños. Mais precisamos pararnos, observar e pensar. Otero Pedrayo contaba que se detivo diante do mapa de Fontán e comprendeu (no simbólico) o que era Galiza.

Xosé González, Pepe de Redondela, ten a virtude de idear proxectos a velocidade de meteoro. A vida esixiullo así. O compromiso antifeixista non lle deu opción. E soubo que Atila trababa nas estrelas e Reboiras morreu e os golpes marcaron o corpo.

A axilidade e habelencia á hora de proxectar combínase cun sólido deseño de contidos. Gústalle imaxinalo todo con excepcional milimetría e esixente organización. Así é o seu facer e velaí está o currículo. Este fala por nós.

O seu marcado perfil e carácter, crítico e directo, retranqueiro e mordaz, culto e refraneiro, afianza unha personalidade inconfundible. El senta con persoas da Administración, empresas, xudicatura, agro, sanidade... con todas aquelas que sexan necesarias para a normalización lingüística. Porque esta tarefa, que fixo con incontestables resultados, foi a razón da súa existencia.

Mais Xosé González concibe a dimensión do traballo como unha totalidade. A lingua é o sangue da nación, se nos permiten a licenza. Segundo se avance na normalización da lingua galega, tamén se avanza na normalización política. El está lonxe das rifas partidistas pero está situado no ideolóxico.

A súa dedicación constante ó país faime lembra-lo título primixenio que Castelao pensara para o Sempre en Galiza: "Co pensamento na patria". Este é o seu astrolabio.

A homenaxe que recibirá o 31 de marzo dista do rito de culto persoal. Non se gaba un nome e apelidos. O acto é unha expresión de recoñecemento e agradecemento a quen, con perseveranza metalúrxica, comprendeu a responsabilidade sociopolítica coa súa (e nosa) terra. Esnaquizando tópicos, prexuízos e portas pechadas. Unha homenaxe de confirmación e reafirmación para manter tensa a musculatura do pobo e así remar a prol da nación.

Canda el vai a enerxía do optimismo da vontade, infusible ó soplete e inatacable ós ácidos. Outro lema da súa particular trabe de ouro.