Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Educación ou tacto

Nunha vella película do mestre do cine francés, xa desaparecido, François Truffaut, non recordo agora o título, aínda que podería ser Los cuatrocientos golpes, un personaxe feminino dille a un rapaz: "No mundo hai xente educada, e xente con tacto. Ámbalas dúas son boas calidades, dende logo, pero case que sempre o tacto supera a educación."

Póñolles un exemplo para que o vexan mellor: Un home abre por erro o probador de roupa nuns grandes almacéns -un deses que agora proliferan coma fungos e cogomelos nos outonos das nosas fragas, leit motiv desta aldea global de mercados e mercadores, nos que che é primavera en pleno inverno-, no seu interior unha muller está medio espida probándose unhas saias. Unha persoa simplemente educada ao decatarse da súa metedura de pata diría de contado: "Descúlpeme, señora, pídolle perdón", e pecharía a porta inmediatamente, vergoñento. Este ven sendo un claro exemplo de educación. Unha persoa con tacto, nembargantes, actuaría deste outro xeito ao abrir a mesma porta e na mesma situación que no caso anterior, e a súa resposta tería sido sen dúbida algunha deste xeito: "Descúlpeme, señora, síntoo, foi un erro involuntario". Esta é a sutil deferencia entre a educación e o tacto, meus benqueridos amigos.

A educación, hoxendía pode resultar máis ou menos asequible, segundo o teu nivel de vida e sorte, mesmo ás veces chegase a falar de masificación nas aulas de ensino, aínda que teño para min que resulta como dar de comer margaridas os porquiños. O tacto éche ben diferente, resulta innato ou se nace con esa sensibilidade especial,que non é posible aprendelo, ou se leva coma herdanza nos xenes, ou esquéceo porque nunca o entenderás. A falla de educación éche notoria hoxendía en case que tódolos sectores, non depende da idade, aínda que si lamentablemente do nivel económico e posibilidades que cada un de nos ten grazas sobre todo o seu esforzo persoal e dos nosos pais.

Pero non podemos confundir nin deixarnos confundir; unha cousa sonche as dificultades cotiáns no acceso á educación e cultura que todos nos atopamos, e outra moi diferente resulta ser a ausencia total de curiosidade vital e desexos de medrar como persoa. Unha cousa é poder achegarnos aos centros educativos e culturais e pasarnos anos aprendendo e outra moi distinta e de difícil solución resulta a nula capacidade de moitos de nós de ter "tacto", e comprender e ter en conta os sentimentos máis íntimos dos demais, para non ofender, ferir, pisotear ou menoscabar o que aqueles pensan, senten ou creen coma persoas libres e independentes que todos nós somos, eles, eses outros tamén, aínda que nos foda ata o tuétano.

Atopar a diferenza entre educación e tacto, para algunhas persoas, é tan difícil como saber se sobes ou baixas cando nos atopamos con alguén no medio dunha escaleira, ou iso di o tópico típico da nosa xente, non si?

Compartir el artículo

stats