País de pillos e sen vergoña. Pouco camiñamos dende o Século de Ouro da nosa literatura; continuamos a padecer os "Rinconete e Cortadillo", os "Buscon", a pícara malicia dos "Lazarillo de Tormes", sen remedio, aínda que hoxe en día, baixo a máscara de homes de ben, salvadores da patria de puro e chistera, de despachos de moqueta e mesa de caoba, dos de mexan por nós e dicimos que chove.

País de Señoritos de Cortijo e dereito de pernada materializada vilmente na nosa Guerra Civil, co golpe dos xenerais contra a legalidade da República. A lei do mais forte, os asasinatos a sangue fría, as sacas, a represión, a vinganza das madrugadas, a morte al alba.

Xa nos temos perdido no labirinto dos escándalos dende aquela, a memoria de fráxil cristal, ou tal vez para que recordar, aínda peor, para moitos: mellor non saber, agochar a cabeza nun burato, ollar para outro lado sen querer ver, e de paso desculpar e consumar de feito a corrupción, o espolio, o roubo legal dende a maior das ilegalidades, a da avaricia.

Casos como o Reace, os envelenamentos co aceite de colza adulterado, os Sofico, Maesa, os efectos terroríficos nos nenos da talidomida, pelotazos especulativos a grande escala co boom do turismo e a chegada dos biquinis das suecas ás nosas praias, atentados ecolóxicos irreversibles, co turismo, envoltos en papel de celofán dos planes de desenvolvemento daqueles gobernos tecnócratas do Opus Dei franquista, que sustituiron a nosa historia máis negra de mercados de estraperlo e fame no que se fixeron ricos algúns espabilados sen escrúpulos nin conciencia, capaces de facer negocio ata coa necesidade e lamber os cús dos "camisas azuis", laureados e condecorados nos horrores dos mortos e fusilados, desfile baixo palio e comunión diaria e sempre señores do medo, medrando á sombra dos vencedores vingadores.

Pero os anos pasan e chegaron os novos tempos, como bandeiras vitoriosas ao paso alegre da paz. A amnistía, pola que moitos deron o único que lles quedaba, a súa propia vida; os Carrillos e a Pasionaria e os parias da terra, os Isidoros renacidos dunha refundición socialista naquel congreso de Surennes na Francia dos exiliados, non os de Pablo Iglesias e Anselmo Lorenzo, que chegaban a cambiar o país, e dende logo que cambiaron, e apareceron os "novos ricos", o mesmo de sempre, os cartos sucios e doados, os fondos reservados, os Paesa, os Rumasa,os Roldán enfoulado en prostitución, drogas e troulas, dende a impunidade dos que mandan nesta nova España profunda de Forum e Tafisa, bancos e banqueiros capaces de todo con equipos de avogados, bufetes de asesores e expertos, paraísos fiscais, caixas B, cartos negros,comisións e branqueo de capitais, sobornos cando faga falla e máis corrupción a raudales e sen límite, porque todo vale neste novo sistema político, económico social, no que resulta caduco e trasnoitado a lei, a conciencia, os principios, a moralidade e calquera valor dos que nos aprenderon de neno. A cultura do pelotazo e sálvase quen poida ao máis puro estilo Keynesiano de economía capitalista, neste mercado global de home lobo para o home de Rousseau, onde todo che é moi legal, pero sen dúbida inmoral, deshonesto e sinistro, mesmo o noso silencio e permisibilidade e asunción da corruptela co noso voto os mesmos que nos están a afundir na podremia social.