Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

"Miglior fabbro del parlar materno"

As dereitas en Galicia fan coro co BNG para choraren por Anova, que perdeu a torgueira nacional e está sendo deglutida por Podemos e por IU. A dereita de Galicia, facéndolle a onda ao BNG, persegue ou acurra cada día a X.M. Beiras, que é a voz válida e comunmente aceite como directora do nacionalismo galego dos nosos días.

Velaí as intervencións, impecábeis até a xeometría, de Alexandra Fernández e as verbas de M.A. Fernán-Vello, deputado de Anova, e de esquerda independentista, pola provincia de Lugo. Cando alguén se dirixa a Fernán-Vello, o poeta que vai En Maré e en confluencia leal, debería aseñoralo en italiano, como "miglior fabbro del parlar materno", atal que o Dante dixera de Arnaut Daniel. (Véxase a versión de Darío Xohán Cabana). Curros soubo repectar, tamén en italiano, a Añón.

Os nacionalistas citados, e outras e outros, van con todas as esquerdas federalistas en presencia ás eleccións, a fin de deconstruir o sistema da fame e da podremia que está vixente.

Despois de os politólogos da dereita en Galicia facérense os saudosos da pasada relevancia do BNG, viñeron os seus colegas de Madrid a esbagullarse con eles pola perda de identidade dunha IU estruchada pola aperta do urso Podemos. Moito temen (teñen razón) a ese rapaz que pasará á Historia a non ser que o envelenen a tempo.

As alianzas do rapaz son complexas, así as tanxíbeis coma as incorpóreas: Podemos con IU e Colau e Carmena e os alcaldes das cidades galegas, En Maré, os fillos valencianos do PSAN-p, o ex-preso político vasco en Barcelona, Cataluña mesma, todos están a redear unhas mallas e copos moi fecheiros que ameazan o poder da banca en España e os plans dos EEUU.

Os politólogos están amedoñados porque o están os que lles pagan. Hai quen ten morriña de Carrillo e do eurocomunismo. Eurasia, ao lonxe, intranquliza. Os capitalistas venezolanos compran e banquizan as nosas caixas de aforro e os chineses, as fábricas de conserva clásicas. En París non hai gasolina e a policía malla na mocedade en "blousson noir" (de novo) en canto un Valls paspán monologa o seu discurso vougo.

En realidade o "estado fallido" non está en Francia, (din os politólogos), senón en Venezuela. Hogano a elite (ou os que pensan que son a elite dirixente de Galicia) anda levada do demo polo triunfo interno de Liceaga (ex-ERGA), o que seguramente vaia ocasionar a desaparición do PP sobre a face da Terra Nai. En realidade, Filgueira Valverde en 1936 tamén consideraba traidores os galeguistas que, con Castelao, se sumaron á Frente Popular. Ou sexa: en forma de farsa.

Compartir el artículo

stats