Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Que facemos cos museos?

O Día Internacional dos Museos, celebrado o 18 de maio, pasou en Vigo con máis pena ca gloria. A caída en picado do número de visitantes dos museos vigueses agoiran para eles un futuro incerto, só aliviado polo anuncio da Universidade de Vigo da mostra "Os tesouros da Cidade", que se abrirá no Marco do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 que traerá ao museo de Príncipe o valioso Pergamiño Vindel onde aparecen transcritas a música e o texto das sete cancións de Martín Codax. Un fito extraordinario, que suporá contar por fin na cidade co maior tesouro documental da súa historia, ao que non foron alleas as xestións dos integrantes da asociación cultural viguesa Pertenza que, tras unha viaxe a Nova York para visitar a obra de Martín Codax depositada na Morgan Library Museum, trasladaron a Camiño Noia, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Vigo, a iniciativa de que puidese ser exposta en Vigo.

Un acontecemento cultural histórico, que deberá ser preparado e acompañado como merece polas administracións e polo tecido cultural galego, que non pode agochar a severa caída de visitantes da chamada "Rede de museos do Concello de Vigo" que dende 2011 a 2015 perdeu o 27 % dos seus visitantes, tendencia que se mantén no primeiro trimestre deste ano, no que perdeu un 25 % con respecto ao mesmo período do anterior. Unha rede que, dende 2014, cando se presentou a súa identidade gráfica corporativa, conta cunha xestión única e un orzamento anual de arredor de tres millóns de euros, no que se integran tanto os museos de titularidade municipal como aqueles espazos museísticos promovidos por fundacións apoiadas polo concello: o Museo Municipal de Historia Quiñones de León, o Verbum-Casa das Palabras, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, a Casa Galega da Cultura, a Casa das Artes, o Museo de Arte Contemporánea (Marco), o Museo Liste-Etnográfico de Vigo e Centro de Artesanía Tradicional, o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI) e os museos ao aire libre do Castro e do xacemento romano de Toralla.

Unha rede que veu acollendo de media entre vinte e doce mil visitantes mensuais, cuxo devalo afecta a todos os museos, coa excepción daqueles máis vinculados coa historia da cidade, como o de Castrelos, que repunta até os 2.000 visitantes. Porén outros viven os peores días da súa historia como o Verbum de Samil, que non chega aos 200 ou a Pinacoteca do Pazo Arias Taboada da Ferraría que non acada os 500, ou mesmo a Casa das Artes, onde están os fondos do Arquivo Pacheco, a Fundación Laxeiro e as exposicións temporais que apenas chegan aos 1.200 visitantes mensuais. Un balance negativo ao que nin sequera é alleo neste primeiro trimestre o Marco de Príncipe, o máis vistado da cidade, a pesar de que o pasado ano repuntou coa boa acollida das exposicións de Luís Seoane e Francisco Mantecón. Unha situación adversa que sabemos sofren tamén o Museo do Mar de Alcabre, dependente da Consellaría de Cultura, como as propias salas de institucións privadas como A Fundación e a Fundación Barrié, situadas no que no seu día bautizamos como Eixo do Sireno.

Esta crise de visitantes dos museos vigueses, que non é allea as dificultades de financiamento e de orientación estratéxica, non é nova. Non esquezo que hai dous anos con motivo da celebración deste Día dos Museos fomos convocados polo Concello dezaseis persoas vinculadas profesionalmente co ámbito da cultura en Vigo coa intención de que elaborásemos un informe sobre o futuro da rede museística da cidade. Aquilo, por razóns que descoñezo, semella quedou en auga de castañas e, dende entón, nada soubemos sobre a reorientación que dende a Concellaría de Cultura se lle vai imprimir a esta rede de contedores culturais que nalgúns casos, como o Verbum, a Pinacoteca ou o Centro de Fotografía da rúa Chao, viven unha situación crítica.

Sigo crendo que na situación precaria da rede de museos municipais, como da cativa rede de bibliotecas viguesas, da programación musical, audiovisual e de artes escénicas, está a carencia dunha planificación que faga sostible unha política cultural, que vaia máis alá das querenzas dos responsables desta concellaría e da composición da corporación. Sigo convencido que Vigo precisa como auga de maio un proxecto cultural estratéxico, canto menos para unha década, integrador dos necesarios plans municipais de museos e bibliotecas, así como das políticas de fomento da lectura e da creación artística nas diversas modalidades. Un plan que contemple, ademais, o modelo de xestión e financiamento destes contedores e dos centros cívicos que achegan servizos de dinamización cultural nos barrios. Como entendo que moito axudaría a creación dun Consello Municipal de Cultura, onde os sectores sociais, culturais e políticos participasen neste necesario debate cidadán.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats