Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un hospital de vangarda

Cando hai un ano asumín o reto de xestionar a sanidade pública de Vigo, a casualidade fixo que ese mesmo día se entregase formalmente o Álvaro Cunqueiro, unha vez rematada a súa construcción. Aínda hoxe non son capaz de transmitir con precisión a enorme impresión que me producíu atravesar as súas portas e percorrer as súas instalacións. Probablemente fose unha sensación tan impactante como a que se puido experimentar coa posta en marcha do vello Xeral, iso si, 60 anos despois.

O novo hospital veu dar resposta a un amplo consenso social para modernizar e integrar a atención sanitaria e substituír ao Hospital Xeral, cuxa estrutura carecía do espazo e a funcionalidade necesarias para o óptimo desenvolvemento da medicina moderna, e que impedía mellorar a asistencia.

Conxuntamente coas novas funcionalidades de Meixoeiro e Nicolás Peña, a apertura do Álvaro Cunqueiro supuxo colocar a Vigo na vangarda da sanidade pública, xa que o seu tamaño -que multiplica por 5 as dimensións do vello Xeral-, tecnoloxía, equipamento e configuración permiten que os magníficos profesionais sanitarios de Vigo poidan aplicar as técnicas máis avanzadas para o tratamento dos pacientes.

Cando falamos do Hospital público Álvaro Cunqueiro estamos a falar da maior obra pública que se ten feito en Galicia no ámbito sanitario na súa historia, dun dos hospitais máis grandes de Europa, cunha dotación tecnolóxica de vangarda, coa área de Urxencias máis grande e coa mellor dotación de Galicia tanto en espazo como en profesionais, cunha capacidade cirúrxica de primeiro nivel, ou cunhas UCIs punteiras. E falar do Cunqueiro é tamén falar de novos servizos como son a unidade de ictus, a unidade de ortoxeriatría, ou a unidade de cirurxía infantil.

Paralelamente temos que destacar o papel esencial que Meixoeiro ten na actual configuración da atención hospitalaria en Vigo, ao acoller boa parte das especialidades de referencia para toda a poboación.

Pero todo isto non serviría de nada sen o elemento esencial para poñelo en marcha, que son as persoas que conforman os servizos, os quirófanos, as salas de probas, os departamentos tecnolóxicos, etc. A área de Vigo é a que dispón de máis profesionais para prestar asistencia de entre todas as áreas sanitarias de Galicia, e en concreto, no Álvaro Cunqueiro traballan 4.135 traballadores públicos como consecuencia do incremento experimentado en distintas áreas asistenciais, como Urxencias, quirófanos ou UCI.

Todo isto é máis que suficiente para sentirse orgulloso do magnífico hospital que temos, e que ofrecerá unha asistencia sanitaria de calidade a varias xeracións de viguesas e vigueses. E podo dicir tamén que, sete meses despois de finalizado o proceso de traslado, son moitos os pacientes e usuarios que a diario nos transmiten a súa satisfacción coa atención recibida, e tamén a súa enorme sorpresa ao comprobar que moitas cousas que tiñan oído acerca do Cunqueiro eran falsas.

Hai un ano emprendemos un labor titánico, e neste tempo evolucionou a pasos axigantados. O camiño percorrido durante este período de posta en marcha do Cunqueiro non ten sido sinxelo. Como era de prever, tendo en conta a magnitude do proxecto, houbo que agardar á necesaria adaptación dos profesionais provintes dos distintos hospitais, e facer que as culturas dos centros de procedencia fosen mesturándose para incorporar no Cunqueiro o mellor do Meixoeiro e o mellor do Xeral.

Son máis de 5.000 os pacientes que a diario atendemos, e eles constitúen a nosa única ocupación, a nosa razón de ser. Cada día dedicamos todos os nosos esforzos a mellorar, incorporando as achegas de usuarios e profesionais.

Pero queremos ser moi ambiciosos. Non nos conformamos cunha atención correcta. Buscamos a excelencia e somos conscientes de que dispoñemos dos recursos dotacionais, tecnolóxicos e humanos para ser unha referencia no conxunto de España. Ese é o noso obxectivo e non cellaremos ata acadalo.

Os milleiros de profesionais sanitarios que aquí traballan, contribúen cada día co seu esforzo e o seu sinceiro propósito de mellora, entendendo as aportacións como un ferramenta de construcción colectiva, lonxe da crítica fácil e indiscriminada rexida por intereses políticos ou triviais intereses de protagonismo persoal. Cando o tempo poña todo no seu lugar, e as falsidades queden enterradas pola aplastante realidade, a historia de Vigo porá a cada un no seu xusto lugar.

Non dispoño de suficiente perspectiva temporal, pero podo asegurar, sen temor a equivocarme, que o Hospital Álvaro Cunqueiro está chamado a ser, en pouco tempo, un elemento tan emblemático para Vigo como o son o Celta ou a ponte de Rande. Pero para que o Álvaro Cunqueiro despregue a súa enorme potencialidade será necesario o esforzo colectivo dos profesionais e o recoñecemento explícito da sociedade da que forma parte. Esta alianza será a forza imparable que faga deste hospital o patrimonio máis prezado de todas as viguesas e de todos os vigueses.

*Médico. Xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo. Servizo Galego de Saúde

Compartir el artículo

stats