Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O regreso do urso

Insiste Víctor López Seoane, na súa Fauna Mastológica de Galicia (1861) en que a palabra galega vulgar (inda que sexa un cultismo) para designar a especie Ursus arctos (cecais tamén o Ursus pyrenaicus de Cuvier) é precisamente urso, coma en portugués. Leo nun xornal recente que na aldea de Vecoña (non sei se na de Riba ou na de Baixo), concello de Boborás foi visto pasar un urso pola estrada. O mesmo diario avisa de que outro (talvez o mesmo) urso deixouse fotografar por Ribas de Sil. Non sei se é verdade ou fantasía. En todo caso, nos pasados trinta ou cuarenta anos, os ursos do parque natural da Devesa de Moelos (Asturias Occidental) inzaron moito.

Probabelmente A Devesa de Moelos, sexa o santuario de onde veñen os ursos que camiñan cara o sul e reaparecen no Courel (así escribe López Seoane) e nos Ancares. No 1861, o citado naturalista daba noticia dun urso que andaba ao rebusco polas inmediacións de Illobre (concello de Vedra), perto de Compostela. O certo é que os ursos son animais intelixentes, solitarios e moi pouco territoriais. Andan seguido e poden trazar longas rotas coas súas grandes plantas de pés e maos. Antes, en 1848, o poeta Fernández e Morales describía no seu libro Ensaios poéticos en dialecto berciano unha esterrecente cazata maior. No poema, e en forma de apunte do natural, o brigadier Morales conta con detalle como o cazador, protexido por unha couraza feita co cú dun pote abrazaba o urso, e como, servíndose dunha pica cilíndrica e dun coitelo, mataba o animal. En realidade, a caza do urso a cóitelo e corpo a corpo no alto Burbia, tal e como a describe Fernández e Morales, coincide con moita exactitude co método de cazar ursos que tiñan os habitantes do Courel tal e como llo describíu ao zoólogo un tal señor Somoza de Lugo.

Do urso aproveitábase en Galicia a pelica, ,e parece que a carne é saborosa. Moi especialmente méntase como bocado moi fino o que proporcionaban os xamois (digámolo no dialecto do Leste) desta fera, ben salgados ao frío das nosas montañas ancarás. Eu, que un día soñei con que os ursos voltaban ao Xurés, onde foran exterminados a mediados do século XIX, celebraría moito que as noticias sobre especímes vistos en Boborás e en Ribas de Sil fosen certas.

Compartir el artículo

stats