Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

A viaxe a ningures

A vida é algo marabilloso, indescritible con palabras, porque sempre nos quedamos na periferia do que pretendemos dicir. Como pouco, eche unha viaxe ao interior dun mesmo e todo aquel submundo que está ó noso redor, coñecido e descoñecido: Xentes, lugares, pensamentos, sentimentos, reflexións, ledicias, tristuras, bágoas e, ás veces, dor, moita dor, e un burato negro que parece chamar por ti e do que non atopas a saída de emerxencia.

A vida é ir descubrindo e aprendendo, ir de descuberta en descuberta con esa mesma inmensa capacidade de asombro e desexos innatos de saber; curiosidade vital, que tan so posúen os nenos, eses mesmos que ollan para nós, cos ollos abertos de par en par e a ollada limpa.

A vida é abrir o balcón do teu corazón cada día e deixar que a luz leve as sombras da escuridade nocturna, mentres lles das aos demais o mellor de ti a cambio de recibirte cun "bo día, amor".

A vida é todo iso e moito máis, moitísimo máis, a capacidade de crer, os desexos de soñar, a posibilidade de crear, o orgullo de ser e axudar e compartir.

Mais a vida tamén é o outro lado, o lado negro das carautas do teatro grego, que representaban sobre o escenario as famosas traxedias coas súas túnicas brancas, os cantos e as caretas dobres, ledicia/tristura. Dor, demasiada dor, moitísima dor, carencias, perdidas, ausencia de respostas ante simples preguntas: Por qué? Para qué? Ata cando?

A vida é despedirse para sempre, con un terrible ata nunca, cargado de cruel significado, recordando unha e mil veces o que máis nos doe na alma, co corazón rachado en mil anacos imposibles de recompoñer, sen remisión nin propósito de emenda.

A vida é resignarse ante o inevitable, o imposible, o inhumano dela mesma, e seguir vivindo e tirar cara adiante, cun de tripas corazón e sorbendo os mocos mentres limpamos os ollos de bágoas coa bocamanga do xersei e recordamos os tempos nos que os nosos pais nos dicían: "¡Ángel, os homes non choran!". Seguir camiño ata que un día impensable tamén se nos racha o noso cristal e o silencio frío coma unha coitelada da noite cae sobre o que somos, fomos algunha vez, monicreques do tempo.

A vida é a estupidez de morrer, aínda máis cando deixas sen escribir nin firmar practicamente todas as follas do libro da túa memoria e fas mutis polo foro sen gastala.

Confeso ás claras o meu medo á morte, as miñas inesgotables ganas de vivir e apurar a vida ata o derradeiro sístole-diástole do meu corazón, porque seino, si, o teu tempo rematou, meu, pero en tanto algún de nós acubille o teu doce recordo has seguir no noso camiño, vivindo en nós por sempre.

Compartir el artículo

stats