Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O trastorno de Münchhausen

O Barón de Münchhausen foi un alemán do século XVIII. O seu nome quedou gravado na historia non por fazañas vividas senón por fazañas inventadas. Disque despois de ter loitado contra os turcos e volto á casa, empezou a contar aos seus coñecidos as proezas protagonizadas por el na guerra. Segundo as súas verbas, el cabalgara sobre unha bala de canón, bailara no estómago dunha balea, viaxara á Lúa e mesmo lograra -contaba- matar un oso e vestirse coa súa pel para pasar desapercibido entre os demais ursidae.

A vida deste noble foi obxecto dalgunhas obras literarias e esta pequena localidade francesa (Munchhausen) dá hoxe nome, grazas ao devandito, a un trastorno mental: a síndrome de Münchhausen; unha alteración psicolóxica caracterizada por "padecementos" inventados co fin de poder asumir o papel de enfermo. Quen sofre esta doenza finxe os seus propios problemas (chega, se é preciso, a autolesionarse) para acadar síntomas físicos e/ou psicolóxicos; sempre impulsado por unha irrefeable necesidade de chamar a atención. Segundo os entendidos, o enfermo que padece este trastorno crónico non é consciente en ningún caso da súa motivación e mantén o empeño incontrolado de mentir aos médicos. É propio destes casos, din, utilizar un aire desorbitadamente dramático para "o que lle pasa" pero sempre con explicacións vagas e absurdas.

Pois eu? que queres que diga? Paréceme que nalgúns campos da sociedade afróntanse hoxe cuestións máis propias do Barón de Münchhausen que de persoas deste tempo. Certamente, este señor loitara contra os turcos pero nunca viaxara á Lúa, mais a necesidade de chamar a atención e asumir un papel que non lles correspondía levouno a apropiarse de excentricidades tan lunáticas (perdón pola redundancia).

Inventar historias con problemas onde non había nin historia nin o máis mínimo problema para logo adxudicarse, por riba!, o éxito de "suxeito solucionador", non é un exercicio nin cabal nin honrado. Lendo as inexistentes fazañas do Barón de Münchhausen podiamos pensar que a cota estaba cuberta; pero ante algunhas novas, parece que caben máis.

A vida está saturada de problemas fondamente reais (afírmoo logo de visitar a farmacia do hospital e facer gasto do público -coma tódolos meses-). E preciso inventarse outros?

Compartir el artículo

stats