Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

O mosteiro de Santa Comba de Naves

Foi hai moitos anos, polos finais da década de 1970, cando coñecín o mosteiro de Santa Comba de Naves. Aínda era estudiante de Xeografía e Historia. Naquel entón tiven a oportunidade de visitar as ruinas do cenobio na compaña dun amigo, Raimundo de la Fuente, hoxe profesor do colexio Carmelitas e co que compartía, ademais da querencia pola Historia, a afición pola música. Tanto en formacións de grupos musicais que por aquelas datas xurdían en gran número en Ourense, como polo contexto cultural que rodeaba a este gremio. Así, tamén entón fixeramos un primeiro -ademáis de único e modesto- estudio sobre o barallete dos músicos que só viu a luz no xornal La Región.

Un bo día faloume dun mosteiro moi cerca de Ourense, que eu descoñecía. Era o de Santa Comba de Naves. Sen moitos preámbulos, botamos a mochila ás costas e comezamos a ascensión polo vello camiño que dende As Carballas, en Eirasvedras, conduce ao lugar de Naves. Uns novecentos metros antes de chegar ao forno comunal deste lugar, atópase o cenobio abandoado.

Como inciso, decirlles que o mesmo camiño que tomamos coincide coa probable ruta medieval alternativa entre Ourense e Ribadavia, pola marxe dereita do Miño, que propoñía a investigadora medievalista Elisa Ferreira Priegue. Aquel "?iba por la orilla derecha del Miño, por Reza A Vella, el Porto en la otra orilla. El acceso desde Ourense al vado dejaba a la izquierda la zona donde se situaba la horca de la jurisdicción, es decir, lo que hoy se llama Alameda del Cruceiro. Una vez cruzado el río, este camino iba a la horca de la jurisdicción. La ruta sigue por Santa Comba de Naves, Untes y Santa Cruz de Arrabaldo". Pero volvamos a aquela excursión que lles contaba ao principio.

Cando chegamos, a miña primeira impresión foi de incredulidade. Agardaba ver unhas ruinas de pouca entidade monumental, como a maioría das arqueolóxicas que coñecía, e atopei un edificio de dúas alturas, pranta baixa máis primeiro andar, que ademáis tiña un soto que ocupaba gran parte da súa pranta. No espazo central conservaba un corpo semellante a un torreón. Pero non só iso, senón que ademais tiña unha capela algo afastada e un pombeiro.

Moitos anos despois, penso que foi o ano pasado, tiven a ocasión de volver ao lugar co equipo do arquitecto Adolfo de la Rúa. Ás poucas semanas incluímolo nunha visita que formaba parte dun paseo lúdico, con varios amigos do Concello de Ourense. Efectivamente, alí estaban as impresionantes estruturas, tal e como eu mesmo as lembraba.

De novo ergueuse, maxestoso, o edificio principal. É de reducidas dimensións, quizá polo feito de ser un priorado dependente do mosteiro de Celanova, situación subordinada definitiva dende o século XVI por mor dunha bula do papa León X, e que durou ata o seu abandono, a partir de 1836, cando se inicia o proceso desamortizador de Juan Álvarez Mendizábal. No edificio principal viviron monxes dependentes do mosteiro principal e baixo a autoridade dun prior, nomeado polo abade de Celanova. De feito, os visitantes son recibidos polo escudo heraldico do mosteiro celanovense, coa cruz treboada, o circo e o compás, situado sobre a porta de acceso.

Ten pranta rectangular, con dimensións próximas a 27 m x 18 m. As esquinas da fachada de acceso estaban rematadas por garitas no primeiro andar, das que só se conservan os canzorros. Os muros están formados por sillares de boa fabrica. O espazo interior distribúese dende un corredor central e lonxitudinal que da acceso a sendas naves laterais por medio de arcos e portas.

Entre as dependenzas da pranta baixa, salientamos a existencia dun lagar e de ocos que conducen a un semisoto que aproveita a pendente natural do terreo. No primeiro andar, que non conserva o solado, pódese ver unha fermosa lareira.

Da capela ou igrexa, afastada uns corenta metros en dirección leste con respecto ao edificio anterior, sabemos que foi reedificada no ano 1768, como consta na inscripción existente no lintel da porta, que se abre na súa fachada norte. O interior, de pranta rectangular co altar orientado cara ao leste, está dividido en dou tramos, a nave e o presbiterio. Ambos espazos atópanse separados por un arco faxón. O segundo está rematado por unha bóveda de canón, mentres que a nave non conserva a cuberta. As súas paredes están formadas por sillares de excelente factura.

A terceira dependenza é un pequeño pombal de forma case cilíndrica. Sitúase a uns cen metros do edificio principal, na outra beira do camino no senso descendente. Aínda que ten derrubos que impiden observar a altura interior desta construcción, pódende ver polo menos oito reas de niños que ocupan toda a parede dentro do recinto, con forma case circular como o exterior, feito de cachotería.

Vista a somera descripción que vimos facer do conxunto, xurde a pregunta: de qué época é o mosteiro de Santa Comba de Naves?. Previamente é preciso ter en conta que os restos existentes non son os orixinais, sen non o fruto de reconstruccións da Idade Moderna. O aspecto pacego do edificio principal, así como a data do lintel da igrexa, condúcenos a tipoloxías própias do século XVIII, tanto polas características arquitectónicas como pola comparación con outros edificios monásticos e civiles.

Frei Benito de la Cueva, na súa Historia de los monasterios y prioratos anejos a Celanova, refire os sucesivos privilexios reais concedidos ao mosteiro por parte de Alfonso VII, en 1155, de Fernando II na segunda metade do século XII, así como con outros monarcas posteriores: Alfonso IX, Fernando III, Alfonso X e Xoán I. Estes asuntos son de grande interese para coñecer a extensión e os límites do coto administrado polo mosteiro.

Sabemos que estaba no territorio medieval coñecido como Terra de Bubal e as súas propiedades extendíanse polas actuais freguesías de Untes, Palmés, Beiro, Castro de Beiro e Vilar de Astrés. Iso na marxe dereita do Miño. Pero os seus domininios tamén se expandían cara a outra beira (Mende, A Loña, San Tomé ou San Cibrao). Mesmo por territorios máis afastados que na actualidade forman parte dos termos municipais de Amoeiro, Punxín e, incluso, Cea e Maside.

O coengo arquiveiro da Catedral de Ourense e investigador, Emilio Duro Peña, publicou en 1968 un estudo monográfico sobre Santa Comba de Naves no número 5 do Anuario de Estudio Medievales, co título de "El monasterio de Santa Comba de Naves". Nel fala do Diploma de Alfonso VII, no que restitúe ao mosteiro celanovés as propiedades que xa tivera na época de Alfonso VI, no século XI, entre outras "In Buualo monasterium Sancte Columbe de Naues?". Pero para coñecer a súa antigüidade aínda é máis interesante outra documentación do mosteiro de Celanova, que remonta a súa existencia ao século IX, polos tempos de Alfonso III.

Tanto Vicente Risco como Hipólito de Sá Bravo, sosteñen que nalgún momento pertenceu ao mosteiro de Oseira.

Existe unha tese de doutoramento de Pedro Dono López, Colección de documentos en pergamiño do mosteiro de Santa Comba de Naves, do ano 2010, elaborada na Facultade de Filoloxía da Universiade de Santiago de Compostela. Nela recóllese a escasa bibliografía existente sobre o descoñecido mosteiro ourensán, pero inclúe a súa documentación, na actualidade depositada en tres arquivos: o Arquivo da Catedral de Ourense, o o Arquivo Histórico Provincial (Ourense) e o Archivo Histórico Nacional (Madrid). Aínda que básicamente trátase dun estudo filolóxico, o propio corpus documental é interesante por achegarnos a información histórica de primeira man para o mosteiro, que por motivos de espazo trataremos noutra ocasión.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats