Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Máis sobre a Prisión de Príncipe

Un mestre de Redondela, de filiación socialista, entra na Prisión de Príncipe, no centro de Vigo. O home, ao ver os uniformes verdes dos funcionarios e sentir o frío dos muros de pedra húmida, perde o control e cai nun pozo escuro. Colle un cordón ou amalló das botas, rodea con el o pescozo e vai facendo torniquete servíndose da culler regulamentario que Franco lle entregaba a todo soldado e a todo preso. Consegue morrer.

Un guerrilleiro ou fuxido dos anos cuarenta é condenado a morte en consello de guerra. Vén á Prisión de Príncipe o verdugo oficial de España, que era cabo da Policía Armada e viaxaba no exprés cunha maleta na que ían os trebellos do garrote. A cadeira do barbeiro, da Prisión de Príncipe, de madeira tosca, habilitouse para a execución. O guerrilleiro ou fuxido percorreu a galería, en dirección do recinto onde estaba instalada a máquina infernal, e proferindo berros nos que se concentraban os rudimentos do seu ideario democrático. Partíronlle o pescozo na cadeira do barbeiro, a el e a outros no actual Marco.

En xullo de 1936 non collían os presos na cadea de Príncipe, nin na provincial de Pontevedra, nin nos depósitos municipais. Habilitouse o Frontón de María Berdiales para prisión política. Anos máis tarde, nós iríamos, sempre ledos, a ese lugar que convertirán en Cine Niza de sesión contínua. Habilitaron para cárcere os xesuítas da Guarda, o mosteiro de Oia, a cuartel de Figueirido, o lazareto de San Simón. Nos anos cincuenta, sesenta e setenta do século XX, a Prisión de Príncipe foi un lugar no que se mantiveron en réxime preventivo (antes de seren xulgados) centos e centos, de presos e presas procedentes dos colabouzos e interrogatorios da BPS ou da brigadilla da GC. Logo, durante todo o franquismo pasaban a disposición de tribunais militares, do Tribunal de Represión da Masonaría e do Comunismo, do Tribunal de Orde Pública. Unha vez condenados, dispersábanse polos penais de cumprimento de toda España, non sen antes seren clasificados na cadea da Torre de Breogan da Coruña, central de Galicia.

Soe esquencerse que houbo represión, tortura e prisión política durante todo o franquismo, e aínda despois. E tamén execucións. A memoria da ignominia é complexa e abarca un longo período de tempo. De algún modo, o franquismo aínda non se extinguiu. Foi cousa boa que a Prisión de Príncipe se convertese nun museo de arte contemporánea. Pero aínda ningún poder público local nin galego nin español puxo unha placa semellante ás que se vén en toda Europa co nome dos antifascistas que tras aqueles muros padeceron. A maioranza socialista do concello de Vigo mantén a cruz ergueita no monte do Castro. Xa veremos.

Compartir el artículo

stats