O goberno de Bueu prepara unha nova ordenanza de terrazas. Ordenaranse? A ver se ten máis éxito que a actual, vixente desde o 24 de outubro de 2012. Porque esta se incumpre toda ou case toda, especialmente por parte do alcalde no artigo máis sensible. Trata do horario, precisamente o que crea máis molestias aos veciños.

No primeiro texto da ordenaza actual, as terrazas podían estar montadas ata as doce da noite pola semana e as vésperas dos festivos ata ás dúas da madrugada. Isto non agradaba aos hostaleiros e nunha reunión na sala de plenos o 17 de abril de 2012 (Faro de Vigo, data 18/04/2012) convenceron a Félix Juncal. Así que a ordenanza apróbase co artigo 22 modificado: o horario disporase por un bando do alcalde segundo a tempada. Con pena comprobo como nunha pequena vila como esta tamén as forzas económicas inflúen nos políticos incluso de esquerda, como os do Bloque.

Pero resulta que durante estes tres anos non se publicou ningún bando. Por conseguinte, as mesas e cadeiras da rúa seguen o horario do local. Pero é evidente a diferenza dos efectos das conversas ata as tres da madrugada ante a barra do bar e nas mesas da rúa, baixo as ventás das habitacións onde dormen os veciños. E todo complícase cando o local sobrepasa o horario permitido de peche, como é frecuente. En fin, un descontrol total.

Consecuencia disto son as 44 chamadas nocturnas de queixas que recibiu a policía local este verán e os expedientes abertos polo concello a sete bares. Aínda que moita responsabilidade, ou case toda, é do goberno municipal.

A súa inacción deteriora a convivencia no pobo. Os veciños protestan e os hostaleiros míranos logo con malos ollos. E todo porque Juncal prescinde das normas que aprobou a corporación. Este comportamento ten un nome que prefiro omitir. Tamén é curioso que ningún partido da oposición o criticara nos plenos. A verdade, calquera goberna con estes santiños.

Espero que a nova ordenza de terrazas se aplique ben. Porque a actual é papel mollado tamén noutros artigos, ademais do 22. É unha pena porque as mesas e cadeiras na rúa dan riqueza e animan a vila e, se están ben ordenadas, facilitan a convivencia. Ordenadas polo goberno municipal, claro, non polos hostaleiros. Dígoo con todo o respecto a estes profesionais.

*Veciño de Bueu