Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Unha de contos

Hai uns días chegoume un deses correos electrónicos que son coma os ollos do río Guadiana, aparecen e desaparecen por arte de birle birloque de cando en vez, sen que ninguén saiba quen foi o cretino que malgastou o seu tempo en parilo, nin por que, aínda que un, facendo exercicio de concentración, pódeo imaxinar axiña, sempre o seu leit motiv oculto e a saudade dos tempos pasados nos que o noso xeneralísimo de todos os exércitos do mundo mundial, uséase Franco, facía e desfacía do seu peto unha saia, que deso é do que se trata coas ditaduras: Eu mando e os demais a calar, ou mexan por nós e a dicir que chove, todos.

Neste bodrio, aínda que recoñezo que parte do seu contido pode ser verdade con matices, como o aspecto social que aínda que cargado ata os topes de moralina barateira e noxenta, do que temos un clarísimo exemplo na película de Berlanga Plácido, o autor fai unha recopilación das leis e beneficios dos que o cidadán, o traballador e a familia acadou nos tempos do extinto réxime. Esquece, evidentemente a represión, a falla de liberdade, o medo e control sobre a vida privada, os cárceres cheos, os miles de exiliados, o medo a todo nas consciencias e o pensamento das persoas, o sacrosanto dereito a pensar e decidir libremente pisado e esmagado polo chan, unha pequenez inútil, evidentemente.

Destes tempos en branco e negro recordo agora a historia, unha das moitas, moitísimas que por desgraza foron verdade, recollidas nos libros e novelas, testemuña do que foron aqueles anos.Trátase da historia de vida dunha muller filla de nai solteira que colleu noivado cun garda civil, con quen co paso dos anos empezou a preparar os papeis precisos para casamento. Foi desta volta cando se deu de fronte coa realidade cruel de que, por ser filla de solteira, os mandos da Garda Civil non concedían permiso ao seu número para o casorio, salvo que fora recoñecida polo pai biolóxico, polo demais ben coñecido de todos os veciños do lugar, home poderoso e de recursos. Alá que se vai a pobre muller a falar con el e explicarlle o tema, mesmo a suplicarlle, que aínda que a recoñecera non ía reclamar xamais nada para ela do seu patrimonio, mesmo estaba disposta a firmar a renuncia por escrito. Pois, nin por esas,o home nin quixo saber nada do asunto, o matrimonio non foi autorizado e, ao cabo dun tempo deixáronse, el casou con outra moza do lugar e ela rematou os seus días rumiando a súa soltaría e o odio ao pai que non quixo recoñecer a súa paternidade.

Como eu son un pasmón que cada día sabe menos de nada, tampouco hei de falar do que hoxe en dia é o outro extremo, nais por inseminación artificial no exercicio da súa liberdade e decisión persoal, pois non sei, será, vouno deixar para outra.

Compartir el artículo

stats