Polos camiños de Cangas, a voz do vento xemía?

Neste trinta e un de xullo, cando as hervas do cacho máis arrecenden, fóisenos o gran amigo. Un amigo grande de verdade, grande pola súa talla física que converteu en moral, en solidaria, e no seu compromiso co seu pobo e con nós.

Fóisenos Agustín o "Xa Vou", fóisenos, pero para quedarse entre nós. Os amigos e amigas que te coñecemos, que tanto vivimos contigo, os que tanto rimos e disfrutamos coa túa compaña, terémoste presente sempre.

Agustín, aprendendo a vivir sen a luz túa, contigo volveremos pisar as rúas de Cangas novamente. Contigo, con Isa e con Lía, volveremos outras mil veces a compartir a túa alegría, que nunca confundiches coa frivolidade. Volveremos ós furanchos e compartiremos os novos albariños e os tinta femia? Volveremos a Portugal da man do Zeca, e volveremos a vivir o que xa vivimos mil veces en tantos lugares e anos de amizade verdadeira, amizade do amigo "maior que o pensamento"?

Agus, amigo, os comareiros de Verín volverán a ser fértiles, as pontes do Pazo volverán anegarse, as viñas da Torre darán a mellor colleita, veremos de novo as rapetas no Areeiro, volveremos contigo ós mares de África, volveremos xuntos á batalla no camión solidario, volveremos á Habana das sábanas brancas, e iremos de novo a todos aqueles lugares que disfrutaches e disfrutamos, compartiches e compartimos, e tan ben recreaches.

Hoxe, baixo os tellados de Cangas, inevitablemente anda un terror de auga fría, porque somos así, porque nos aprendiches a ter corazón, por iso te sentimos tanto. Pero mañá, pasado, todos os días das nosas vidas estarás canda nós. Estarás presente na alegría, e contigo seguiremos reclamando a liberdade para o noso pobo, contigo seguirémonos a estremecer polos meniños saharauis e polos de Gaza, contigo seguiremos a compartir todas e cada unha das pequenas-grandes cousas que nos foron comúns desde sempre.

Agus, Isa e Lía, querémosvos!!

@s teus amig@s de Cangas