Co tema do novo rei Filipe VI estamos a recibir informacións das que cómpre tomar nota. Dalgunhas non tiña ata agora noticia ningunha. Lin, por exemplo, hai algúns días sobre o seu programático discurso de comezo do seu reinado un comentario escrito nun diario de gran tirada, que se pode ler tamén en Galicia, e atopeime sorprendido coa seguinte aseveración: "En su referencia a la pluralidad lingüística española ha citado a cuatro poetas, uno por cada una de las cuatro lenguas: Machado, Aresti, Espriu y Castelao". De modo que, a teor do que aquí se nos anuncia desde o mesmo centro da península, Castelao évos -tomade nota- un poeta.Pensei que, dado o limitados que todos somos, igual existiría algún poeta galego chamado Castelao diferente do noso gran Castelao e que eu ignoraría. Mirei e remirei por se acaso, mais non atopei ningún poeta que así se chamase. Falábase, pois, indubidabelmente, ben ou mal,do noso polifacético e afamado autor, ó que desde altas instancias xornalísticas se lle atribuía agora, postumamente, de maneira gratuíta e suficientemente diáfana, unha excelente calidade máis aparte das moitas que xa posúe. Mais a verdade é que Castelao non é poeta. É un gran político, un sensíbel artista, e sobre todo un excelente coñecedor da alma de Galicia, pero non un poeta. En resumidas contas, resulta que a suposta ignorancia non semella ser polo tanto miña senón do ilustre comentarista, que polo que podo ver é ademais director adxunto do xornal no que se publica tan iluminador comentario. Naturalmente, podería tratarse dun mero lapsus que lle pode ocorrer a calquera. Quédame porén a dúbida de se igual é algo máis, pois o mesmo erro repítese aínda de novo nese mesmo día, aínda que nunha anónima editorial.

En fin, queda aí a sospeita de que iso poida ser, unha vez máis, un síntoma revelador do lamentábel descoñecemento existente nesta chamada nación española verbo das diversas culturas e linguas presentes nela. Tal descoñecemento semella abranguer non só á xente pouco instruída senón tamén ós supostamente cultos e instruídos. Tales culturas e linguas non deberían ser olladas como mero ornato estético para proclamar de maneira ineficiente e oca a suposta riqueza da pel de touro hispánica, senón como algo vivo, respectado e directamente promovido por políticos e non políticos. Hai que engadir, nembargante, aquí que o rei semella estar mellor informado ou asesorado, alomenos neste punto, ca algún dos seus comentaristas. No seu discurso limitouse simplemente a dicir: "Así lo han considerado y reclamado escritores tan señeros como Antonio Machado, Espriu, Aresti o Castelao". E está claro que un bo "escritor" non leva consigo necesariamente ser tamén un "poeta".