Lin hai pouco nun artigo unha referencia a unha entrevista ao economista John Kenneth Galbraith, na que nos contaba que en certa ocasión lle preguntaron que era peor, a inflación ou a deflación. A resposta do profesor foi clara: A primeira empobrécenos e a segunda arruínanos.

Se os prezos ruben, a nosa capacidade de aforro esvaécese, a moeda deprézase, ten menos valor, e o país perde capacidade competitiva. O resultado final é fácil de entender: Inflación, estancamento económico e desemprego. Pola outra banda, a deflación aínda pode chegar a ser máis dramática. Cando os prezos baixan de forma considerable e persistente, os ingresos das empresas diminúen, o consumo derrúbase, o déficit público desbórdase no intento de insuflar estímulos na economía, as empresas para manter a súa viabilidade recorren ao máis doado, despedimentos, aínda máis cando dende os poderes públicos se lles da carta branca. A conclusión final é contundente: Unha montaña colosal de parados, xente e máis xente arruinada, fame, miseria inxustiza social, cada vez máis grande a brecha entre ricos e pobres.

As medidas adoptadas pola CEE para o noso país e, por extensión, o sur do Continente, non deixan lugar a dúbida, ou pobres ou arruinados. Esta tremenda realidade, esta dramática e cruel disxuntiva non tería consecuencias tan desastrosas se non estivesemos a falar da vida de miles de persoas; nenos, vellos, mulleres, enfermos, desvalidos, etc. Os máis desfavorecidos e necesitados da nosa sociedade, a do benestar. E, en lugar de axudalos, o que facemos é esquecernos deles e mirar para outro lado.

O último informe económico desta mesma Comunidade resulta demoledor. Somos o segundo país da Unión Europea en pobreza "infantil". O terceiro en índices de desigualdade social, tan so nos gañan Bulgaria e Letonia, patética medalla de bronce. O número de persoas ao límite, na fronteira do que se considera "exclusión social", aproxímase aos doce millóns, catro millóns máis dos nosos veciños, amigos e coñecidos que pululan enfebrecidos polas rúas das nosas vilas, dende a ultima estatística no ano 2007.

para que falar da cara máis amarga deste futuro negro que nos agarda agachado á volta da esquina, grazas ás medidas de recortes nas prestacións sociais, nas axudas e asistencia aos que o precisan con urxencia. Segundo Caritas-Foessa, a fame xa é una realidade en moitos dos fogares do país, nos que non entra ningún ingreso dende hai tempo e as cifras dos necesitados duplicáronse en tan so catro anos.

Ante esta realidade incuestionable, as fotos da miseria que estamos a ver día a día nos ollos destes invisibles, que cada vez abundan máis e máis, nas esquinas das rúas, nas portas dos supermercados, en calquera recanto; o carteliño de cartón no chan e o fracaso e a desvergoña dos que pasamos diante deles sen poder facer nada, senón botarlles unas moedas, estase a converter na normalidade do día, en tanto que os portais, as pontes, os túneles do metro ou os palcos de música acollen a súa miseria agachada no soño da noite.

Cómo imos sorprendernos do estoupido de violencia social no que se está a transformar a voz desta sociedade que se afonde na desesperanza? Cando alguén non ten nada que perder, porque non posúe nada, nin sequera esperanza, non ten medo nin a que lle rouben a vida, pero tampouco reparo en tomar pola forza o que lle arrebataron antes.