A situación da Estrada, a poucos quilómetros de Compostela, preto do Eixo Atlántico e cunha envexosa paisaxe, faina un lugar ideal para vivir. Con todo, o Concello vén perdendo poboación nos últimos 50 anos, na drástica liña estatística da que non se ve o final. O demográfico é o maior reto que ten agora este municipio: inverter estatísticas e fixar a poboación no rural, promover estratexias de aproveitamento do monte, de agricultura de calidade e turismo de excelencia.

O urbanismo é peza fundamental nese camiño, e non pode ser pensado dende un despacho ou por fotos aéreas, cómpre poñer os pés na terra para proxectar de xeito sustentábel. É bastante simple ordenar o territorio dun concello rural: delimitar os núcleos rurais e establecer unhas ordenanzas para o solo urbano. Aínda así, na Estrada levan lustros dándolle voltas ao PXOM, o cal non se comprende.

Non interesaba realmente mudar a situación urbanística da vila, favorable para as promotoras inmobiliarias, que foron construíndo durante décadas sen ceder metro algún para zona verde, dentro dunha planificación pensada para unha cidade de cincuenta mil almas. Nunca importou a paisaxe, nunca importou non acadar un PXOM, nin a silueta da capital, un dente de serra non moi distinto doutras vilas e cidades galegas, onde o maltrato da paisaxe é a tónica xeral.

Na Estrada nunca se tomou en serio o urbanismo e agora está pasando factura ao rural, sobre todo porque os seus núcleos rurais non están delimitados, algo que puideron facer os gobernos antes de levar adiante un plan xeral sen as condicións legais necesarias, sen garantías e sen a participación e opinión dos cidadáns.

Láianse agora que o TSXG o suspendera por non ser legal, estigmatizando a 50 veciños que o único que piden é xustiza e legalidade, como faría calquera outro. Non se pode culpar a un puñado de veciños dos erros propios, dos que tiñan coñecemento e dos que foran advertidos en varias ocasións.

Dá a impresión de que o único que conta no goberno é o éxito político de aprobar un PXOM, aínda que non sexa legal, pero é que aprobalo sen consenso e sen base legal é fonte de conflitos e de recursos, pan para hoxe e fame para mañá. Un Plan Xeral é un contrato entre os cidadáns e o territorio, e para que sexa xusto e eficiente, debe ser froito do consenso, da participación e do acordo. Do contrario, sería un contrato de adhesión, como o que firmamos perante os bancos.

Lonxe de contratar custosos bufetes de avogados para loitar contra os propios, o correcto é falar con eles, escoitalos e, sobre todo, cumprir coa lexislación vixente, como fan o resto dos Concellos.

*Arquitecto estradense