"Os socialistas franceses sofren unha histórica derrota": velaí o contundente titular que, con algún leve matiz, amosaron todos os medios de comunicación nos pasados días. - é que, en efecto, a derrota das hostes comandadas por François Hollande -malia o éxito local en París, onde Mdme. Anne Hidalgo acadou a alcaldía- non admite moitos panos quentes. Unha debacle, pois, á que cómpre engadir o decidido avance do FN e, en fin, o aumento da abstención, situada xa ás portas do 40%.

Haberá quen entenda, desde logo, que certas cousas e/ou situacións non poden ultrapasar a (suposta) barreira pirenaica e, xa que logo, continúe a conducirse con perfecta displicencia, acudindo a unha sorte de esconxuro ad hoc: "iso non vai conmigo; iso non vai connosco." Trátase de xentes, todo hai que dicilo/escribilo, que, non obstante, mastigan, remoen, cuspen... os vocábulos "Europa", "europeo" como verdadeiros mantras, unha especie de alquimia ou fast food, apócema milagreira que todo o explica e resolve... cando así convén. Con certeza, hai xa moitos anos -demasiados- que tales individuos concluíron que Marx estaba máis que morto e enterrado; incluso cabe supoñer que non puideron evitar, á canda do arreguizo, un certo aquel de alivio ao coñeceren que Olof Palme, infelizmente, desaparecera deste mundo. Máis tarde foi a gran descuberta oriental: "gato branco ou gato negro, tanto ten: o que interesa é que cace ratos." Logo aínda, foron competir con todas as súas forzas -nunca louca carreira, cóbado con cóbado, co neo-liberalismo castizo- por obteren os mellores cariños de "our friend" Tony Blair durante a epifanía da "Third Way" e antes, desde logo, que Roman Polanski -vexan, se aínda alguén non o fixo, "The Ghost Writer" (entre nós, "El escritor")- explicase como a Sra. Blair, digo Olivia Williams/Ruth Langa! foi recrutada pola CIA. En fin, inmomeable ZP, a grande esperanza chamábase François: François Hollande, bien sûr. Pois vaia, xa contemplan Vdes. o panorama: segundo afirmaba o príncipe de Metternich, "cando París se constipa, toda Europa espirra." Velaí.

Segundo algúns dos seus máis destacados dirixentes, pas problème: a socialdemocracia francesa percibiu claramente a mensaxe electoral. Sen embargo, desesperen os gabachos como tamén os (nosos) propios: talmente como cabalos de batalla diante da trompeta familiar, eis que todos os comentaristas, tertulianos de postín, terminais de terminais, editorialistas sistémicos xa andan a explicar que o que teñen que facer Hollande e mais os seus, se é que buscan recuperar o apoio dos votantes, consiste en profundizar máis e máis nas "reformas". Traducido: rebaixar o gasto público e reducir o déficit (máis traducido aínda: continuar no recorte/desaparición do estado de benestar); privatizar -se é que algo queda aínda por tal- e/ou reprivatizar todo o privatizable/reprivatizable e, como (falso) caramelo para os nenos e nenas, anunciar unha rebaixa xeral nos impostos. Non o asina, pero podería facelo certamente, aquí ao lado, D. Alfredo Pérez Rubalcaba.

Chegados a este punto, que queren Vdes. que lles diga/escriba este modesto comentarista "de provincias"? Pois, evidentemente, que para chegar a semellantes conclusións, para promover un programa desa feitura... a verdade é que o mellor que podería facer a socialdemocracia -tanto a franchute como estoutra, da nosa casa- é, talmente, escoller arma de fogo ou branca: pegarse un tiro de vez ou optar polo harakiri. - comprendo, claro é, que a (cada vez menor) credibilidade do sistema imperante precise dunha certa teatralización e/ou rituais como entendo asemade que haxa fieis que, malia todos os pesares, aínda eleven as súas preces; sen embargo, se do que estamos a falar de veras é de democracia (xa nin sequera de socialdemocracia) cómpre constatar que nas executivas da (mal chamada) esquerda, esquerda con vocación gubernamental, preciso, "nin saben dela nin tan sequera a esperan."

É imposible unha Francia como a que hai. Como é imposible unha España, unha Grecia, unha Italia... unha Europa atada, maniatada e sacrificada nos altares da globalización, o capitalismo chantaxista e mais as mentiras do euro. Pero son incapaces de percibilo. Incapaces ou xordos. Ou vendidos. Ou incapaces, xordos e vendidos. Representantes da pura prea da inenarrable "Terceira vía", nin oen nin atenden a nitidez do recado que lles envían os seus desalentados votantes: trátase de que para que a socialdemocracia vaia, unha e outra vez, perpetrar a política da dereita, mellor votar xa directamente a propia dereita, menos gasto. Ou, simplemente, quedar na casa, o diluvio a caer imprable mentres tras dos cristais.

Marine Le Pen, tamén imprable, ela? Como a formiga, colleita e colleita.