DE BOLINA

América libre; libre América

Xosé Ramón Pena

16.03.2013 | 03:33

Coa licenza de todos Vdes., sempre moi amables lectores, quixera comezar as presentes liñas co relato dunha pequena anécdota. É o caso, entón, de que estaba este cronista, hai dous/tres días e en compañía dun vello e querido amigo, a conversar arredor dos últimos acontecementos da actualiadade; entre eles, o pasamento do líder venezolano Hugo Chávez. Pois ben; malia non falarmos en tonaliade alta e/ou para que escoitase a concorrencia, alguén que estaba perto de nós -alguén a quen non coñeciamos- foi e espetoulle sen máis ao meu interlocutor nos seguintes termos: "Pois, se tanto lle prestan a Vde. os tipos como Chávez, debería ir vivir a Venezuela ou lugares semellantes!" Nin que dicir ten, a única explicación que lle ofrecemos daquela ao imprevisto contertulio foi a de estarmos nunha conversa perfectamente privada; xa que logo, nada máis lonxe da nosa intención que enredarnos nun debate de tales características naquela circunstancia. Chegados a ese punto, cada moucho retornou, sen maiores complicacións, á súa oliveira.

Cómpre subliñar que o meu amigo non ten demasiadas dúbidas e/ou matices na súa defensa do chavismo; da miña parte hei de precisar, porén, que carezo por completo de devoción diante de embalsamamentos e/ou mesianismos de calquera sorte. Con todo, igualmente debo dicir/escribir aquí e agora -e, de paso, darlle resposta a quen nos veu interromper na conversa, se é que por algún azar estivese a ler esta mesma columna- que si concordo co meu compañeiro en algo fundamental: certamente, Hugo Chávez poderá ser discutible e discutido; non obstante, e tal e como fixeran líderes do pasado -San Martín, José Martí.... e, desde logo, o seu idolatrado Bolívar- e como agora mesmo seguen a intentalo estoutros chamados Lula, Morales, Rafael Correa... conforma algo moi real que o desaparecido mandatario venezolano loitou pola independencia do seu país e aínda por esoutra dos pobos que habitan América, desde o Río Grande deica os confíns da Patagonia. Desenvolveu tal esforzo con maior ou menor fortuna/acerto; mais en todo caso, si que o fixo arreo e sen acougos. Daquela, mal que lle pese a quen for, por moitos erros, determinados acenos de intolerancia/autoritarismo... que se lle poidan apor -habería, de paso, que contabilizar todos os que operan na biografía dos libertadores citados máis arriba-, ese afán de independencia formará sempre parte do currículo do presidente Chávez; coido que ha de ser insoslaiable en calquera xuízo histórico que se lle queira aplicar ao seu labor.

Digámolo de vez: infelizmente, o soño emancipador auspiciado por Simón Bolívar non se transformou en concrecións de xustiza e liberdade para todos. Antes ben, e tal e como el mesmo sinalara no célebre Discurso de Agostura (1819), os moitos defectos herdados da dominación española -vicio, tiranía e ignorancia- acabaron por elevar ao cume do novo poder constituído aos representantes dunha oligarquía crioula que se mostrou incluso máis despótica, cruel e racista en moitas ocasións daquilo que demostraran os representantes da coroa hispánica. Quen queira repasar, por exemplo, a historia de Colombia, Perú... ou de Chile e da Arxentina poderá observar, por exemplo, como se perpetrou a matanza, o xenocidio dos selkmans -tamén chamados onas- na Tierra del Fuego de fins do XIX, contando co silencio cómplice, cando non coa aquiescencia activa, dos exércitos chileno e arxentino; os nomes do aventureino romeno Julius Popper ou esoutro do oficial arxentino Ramón Lista figuran por "méritos" propios na historia universal da infamia. Ou aínda, sen irmos tan lonxe no tempo, os nunca ben aclarados asasinatos de ducias -ou centenares- de indios amazónicos asháninkas na selva peruana durante a década dos 90 do pasado século. En fin, sabido é como os ricos venezolanos alcumaban a negros, mulatos, mestizos... en vésperas do "caracazo" (1989) -"aí baixan os monos!"- e sabido é o custo en bágoa e sangue de semellante estupidez clasista.

Xa que logo, non se trata de referirlles a Vdes. as cualidades/deficiencias de Hugo Chávez e o proxecto político que liderou. Simplemente, iso si, lembrarlle a algunha xente -de xeito especial a aqueles que teñen o deber de informarse/informarnos, e que se manfestan tan altivos como superficiais na análises que efectúan- a necesidade de coñecer(mos) a historia e de reflexionar con rigor sobre ela. Porque ao cabo, Chávez -como todos- non provén da nada.

Suscriptor | Opinión

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vueltas con el congreso del PP de Cangas

Que me tienen loco con el congreso local del Partido Popular de...

 
 

ANXEL VENCE

Vacaciones con mando a distancia

Aunque por la barba y el continente recuerde a un prócer...

 
 

JOAQUÍN RÁBAGO

Los medios no le dan tregua

Los medios de Estados Unidos, tal vez arrepentidos de no haber hecho lo suficiente para evitar...

 
 

ISABEL CALLE SANTOS*

Amor obsesivo como enfermedad

En 1979, la psicóloga Dorothy Tennov, publicó el...

 
 

MANUEL TORRES

El Museo del Mar

Desde hace tiempo unos marinenses, hombres de la mar, se han propuesto conseguir un local, con...

 
 

DANIEL CAPÓ

Plena soberanía

La nueva sensibilidad política que consiste en dejar solo el músculo de la voz del pueblo sin...

 
 
Enlaces recomendados: Premios Cine