No pasado verán, houbo ocasión de aproveitar en boa compaña uns poucos días de vacacións para coñecer unha migalla o Mediodía francés, país que ten a súa belida paisaxe como senlleiro sinal de identidade. Nas proximidades de Carcassonne enfilamos unha pequena estrada departamental, a D118, que achega a veciñanza da pequena localidade de Limoux á vella cidade occitana. O vial, nin ancho nin estreito, con firme en bo estado e perfectamente sinalizado para o tráfico local, transcorre flanqueado a ambos lados por unha incesante sucesión de plátanos case centenarios, que conforman unha bóveda protectora do sol e das xeadas en todo o trazado e alumean unha estética amable e acolledora naquela pequena estrada rural.

É sabido que a paisaxe é unha cousa e a natureza, outra. Aquela, ven sendo unha construción cultural, baseada na interacción entre o medio e as percepcións dos individuos que, cando se comparte colectivamente, permite estabelecer un certo emblema identitario común. Circulando baixo semellante "ceo protector" durante máis de 15 kilómetros, albiscamos que aquela era unha paisaxe pensada, ata tal punto que os urbanistas consideraron necesario que o vieiro en cuestión penetrara no tecido urbano de Carcassonne, sen perder as características que o definían, árbores incluídas; era, de certo, unha paisaxe construída que procuraba asimilar aquela sinxela vía de comunicación cunha nobre, protectora e singular idiosincrasia.

Nos últimos días da semana pasada, a Comunidade de Montes de Figueroa (Cerdedo) acordou a curta dos carballos do Regueiro cun dos madeireiros que andan a traballar na parroquia cerdedense de San Martiño: dito e feito, dous camións de carballos de todos os tamaños, incluído algún centenario, saíron dalí. Antes, aberta a veda polo Edicto da Alcaldía de Cerdedo emitido o 23 de febreiro pasado disque para velar pola seguridade vial no Concello e que obriga á curta ou derrama de todas as árbores (autóctonas ou non) chantadas ou cuxa copa estea a menos de 2 metros do noiro das pistas, xa caeran carballos cumpridos en lugares como Limeres, Barro, Vilar, no Serrapio, ? - case houbo unha desfeita en Meilide, ata que a Comunidade de Montes parou a barbarie medioambiental e paisaxística. Iso é o que, se non lle plantamos cara, nos agarda en diante: o susodito Edicto da Alcaldía e os Bandos que viñeron despois, incentivarán a política de "todo vale" non só no espazo delimitado no Edicto, senón en toda a superficie das veigas nas que se pretenda facer limpeza. Entre outras cousas, por que nin aos madeireiros nin aos particulares obrigados a "limpar", lles compensa cortar só os famosos 2 metros e tampouco derramar os carballos: estes, é máis barato, máis rápido e máis seguro, cortalos polo pé, aínda que os paguen a prezos de miseria. Tampouco a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, da que dependen os Axentes Forestais e ten a obriga de protexer o bosque autóctono, está nin se lle agarda?.

Durante o traxecto entre Cerdedo e o Sur de Francia, houbo múltiples ocasións de comentar o carácter pioneiro do noso orixinal Alcalde do PP, Sr. Balseiros, porque a ninguén parece molestarlle nin as follas na superficie das estradas, nin a sombra que deitan plátanos e frondosas, nin moito menos a presenza destas especies nas beiras dos camiños. "Cerdedo is different", aquí e acolá, mercé ao severo paternalismo do rexedor, que trata aos seus conveciños como se foran rapaces aos que compre protexer de perigos que só a eles asexan: nunha estrada local, os accidentes se prevén incentivando a prudencia dos usuarios e usuarias, mais tamén coa procura do bo estado dos firmes e dunha sinalización axeitada, contando así mesmo coa periódica limpeza do mato que inza máis veces das desexables as gabias. Nunca coa curta de carballos, bidos e castiñeiros, que impiden que medre ese mesmo mato, que protexen das xeadas en inverno e do calor no verán, e que constitúen un elemento indispensable desa paisaxe construída polos nosos antergos ao longo do tempo; unha paisaxe, que nos identifica a todos e a todas con estas terras.

Sabemos, en definitiva, o que pretendían os que pensaron a paisaxe occitana; lendo a Otero Pedraio, enxergamos tamén o sentir dos devanceiros respecto da nosa vizosa paisaxe de montaña. Mais, que pretenden, cales son as razóns de fondo dos destrutores da paisaxe, Sr. Alcalde de Cerdedo?

*Presidenta da Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido"