Algúns, pode que moitos, temos con Xaime Isla débedas que nunca poderemos pagar. Pero o país tamén ten con el algunhas máis que cómpre ter en conta, que se deben saber e que temos a obriga de recoñecer. Porque Xaime, en tempos presididos pola indiferenza –que sempre foi o peor atranco para calquera actividade do espírito– contribuíu, e de maneira decisiva, a poñer luz no incerto, escuro e dubidoso panorama dunha Galicia abafada pola ditadura, nun país que nin sequera sabía de si mesmo, nunha sociedade para a que, en xeral, o seu futuro e o seu porvir non eran cuestión.

Xunto con Ramón Piñeiro e Francisco F. del Riego, formarían os tres un equipo disposto a dotar ao país de conciencia de si mesmo, empresa colectiva materializada na "Editorial Galaxia", sen comparanza posible con ningunha outra habida entre nós. Teño dito e escrito máis dunha vez, e haberá que repetilo sempre que sexa necesario, que é pouco menos que un milagre que persoas tan diversas, de tan distinta formación e de tan afastadas vocacións puidesen converxer nunha empresa común, que esa empresa chegase a encher a vida de cada un deles e que, xuntos, nunha única vontade, se puxesen por enteiro ao servizo do país, aínda con grave risco moitas veces dos intereses particulares de cada un deles –e dos seus, de Xaime, en especial.

Persoalmente, era por riba de todo home aberto aos demais, sempre disposto a poñerse no lugar do outro e a entusiasmarse con calquera proxecto que tivese relación co país, dende participar na xestión política a propiciar unha nova canción galega cando tal cousa era inimaxinable, pero que había que intentar. E sempre xeneroso, dun idealismo moi fondo e dun patriotismo verdadeiro, valores que informaron de maneira sobranceira a súa longa vida.

Xaime Isla, ademais, era home de mente creadora. Quero dicir que a súa intelixencia era aberta e non mimética, que se producía sempre cuestionando a realidade e as máis diversas situacións, que xamais aceptaba como dogma ningunha proposición intelectual. O seu rigor levouno a ser hipercrítico consigo mesmo, da mesma maneira que cos demais era xeneroso sempre. E por iso a súa obra persoal escrita é breve. Pero que sexa breve non quere dicir que non sexa esencial, que o foi e que o é para o mellor axuizamento de moitos problemas do país. Aí están os seus editoriais da "Revista de Economía de Galicia", por el fundada e concibida, para demostralo.

Foi unha sorte ternos atopado con el no camiño, no longo camiño cara a unha Galicia sen tutelas, dona de si mesma, señora dos seus recursos. Porque nos fixo compaña, porque puxo luz no camiño, porque nos deu azos para seguir.