Cantas horas á semana "pode" traballar realmente un profesor de primaria ou do ensino medio? Cantos alumnos "pode" ter por aula? Desde logo, trátase de preguntas singulares. Singulares mais, en calquera caso, moi parecidas a esoutra que reza así: e cantas horas "pode" traballar á semana un mineiro, un condutor de autobús, un policía, un médico…?

Antes de calquera resposta, reparen ben os amables lectores no verbo utilizado: "poder". Dito/escrito o cal, levan razón os "profes" nas súas reivindicacións ou é que estamos diante dun verdadeiro fato de vagos que só pretenden "pasar" amplamente dos seus deberes, sen que o avance/retroceso educativo dos alumnos lles interese o máis mínimo? Fan ben/mal, xa que logo, os conselleiros/consejeros/consellers/sailburuak en desatender as protestas?

A resposta é doada. Se do que se trata é de saber cantas horas "poden" traballar os profesores e/ou cantos alumnos "poden" ter por aula, non cabe a menor dúbida: poden traballar, nin máis nin menos, o número de horas que lles ordenen, tanto ten que sexan vinte como cincuenta; poden atender a todos os alumnos que lles envíen: dez ou cento dez. É dicir: iso mesmo que, por poder, "poden" traballar médicos, condutores de autobuses e camións, policías, albaneis ou caixeiros das grandes superficies comerciais: exactamente todo que lles prescriban os seus correspondentes amos e señores. Faltaría máis!

Iso si: outra cousa vén ser, naturalmente, cantas horas "deben" –e subliñen Vdes. de novo o verbo- traballar os docentes. Canto tempo han de dar clase -como canto tempo de vacacións precisan: eles e mais os alumnos- desde a lóxica da pedagoxía e mais da eficacia real do seu labor: é dicir, o único que si debería importarnos, toda vez que estamos a falar dos alicerces dun sistema e non de regatear en ningunha sorte de baratillo. Cantas horas "deben" traballar, daquela, os profesores como cantas horas "debe" traballar calquera outro profesional para ser realmente eficaz e desempeñar con dignidade, como lle cómpre, o seu oficio en ben propio e alleo, para o proveito xeral de todo o país que habitamos.

"Reorganizaremos alí onde o gasto sexa supérfluo. Reorganizaremos, pero sen tocar nunca as partidas destinadas á Educación e mais á Sanidade." Non hai político –sexa do partido ou coalición que sexa- que non repita, cal papagaio, a anterior letanía. E, naturalmente, non hai político que non minta como un auténtico… como un auténtico político cando tal cousa afirma.

Incapaces de declarar a verdade, conselleiros/consejeros/consellers/sailburuak non teñen o menor reparo en aumentar as horas de traballo dos profesores e soster, ao mesmo tempo, que non están a efectuar ningunha clase de mingua nos orzamentos educativos nin, moito menos, na calidade do ensino. Acudindo aos instintos máis baixos –"os profesores traballan poquísimas horas e están todo o ano de vacacións"; "o único que fan é suspender aos alumnos e mandarlles comprar libros e máis libros inútiles"; "eu non teño estudos pero fun á mellor universidade de todas: a universidade da rúa"- o que de certo parecen procurar non é outra cousa máis que o enfrontamento entre os docentes e certos pais, desbordadísimos estes diante da perspectiva de terse que ocupar dos seus fillos a viviren xornadas "sen colexio."

Porque a verdade non vén ser outra que, incapaces de diminuír, reformar e fiscalizar alí onde de veras lle doe –"non convén que Facenda faga inspeccións e/ou presione sobre segundo qué clase de fortunas, non vaia ser o demo que se fuguen do país e que, polo tanto, non invistan na creación de emprego"-, o único remedio que lles vén á cabeza aos nosos políticos na hora de enfrentarse cunha crise galopante, non é outro senón ese mesmo de propiciar unha especie de ERE encuberto na Educación: ao cabo, iso significan as medidas adoptadas. Agora ben: repetindo urbi et orbi que todo o feito "non quere dicir que se produza unha diminución nos gastos sociais e, desde logo, que afecte á calidade do ensino." E como non?

Seica os profes españois están ben pagados en relación coa media da OCDE. Pode ser, pero díganme tamén… e canto gasta España en Educación en comparación cos célebres "países do noso entorno" cuxo éxito educativo quixeramos, polo visto, imitar? Os datos proceden do Banco Mundial: mentres Dinamarca, Suecia, Finlandia… están no 7% do PIB –Francia chega ao 5,7%, Bélxica anda polo 6,5%-, nós atinximos apenas o 4,5%. Queren que o paro español, dunha parte, e mais o nivel educativo, doutra, se comparen co finés ou co sueco? Fiscalicen, primeiro, o que fiscalizan os nórdicos e gasten logo en educación o que eles gastan. Os resultados, créanme, virán de contado!

Agora ben, se de veras fixésemos tal… Con que sorte de Apocalipse now ameazarían? Imaxinan con cales cifras de descapitalización do país e/ou aumento da célebre prima de risco chegarían a xogar? Coitado do Ibex 35!

Xa o explicou Dna. Esperanza (Aguirre): que é o que lles pasa aos obreiros deste país que só pensan en que os seus fillos se poidan matricular gratuitamente en cursos de golf, de equitación ou patróns de iates de recreo? Se tal financiásemos… que sería, entón, dos colexios de elite? Onde irían parar a elegancia e mais as clases sociais? Está claro que tanta democracia mesmo parece puro comunismo.