Estes días hai tantas frontes de polémica, a cada cal máis intensa e decisiva, que non se sabe a cal atender. Está o da reporteira Sara Carbonero, a máis directamente afectada polo porvir da la Roja, porque a presunta influencia que exerce na concentración do porteiro Iker Casillas, foi asunto de portada en medios internacionais e especializados, e mesmo acabou sendo tema de debate profesional e incluso político. Ao mesmo tempo que Sara, vestida como lle peta (dentro das directrices que lle marca a cadea de televisión para a que traballa) cumpre o seu contrato profesional a carón da rede que a súa parella garda por idéntico motivo, nalgunhas corporacións municipais, no Senado e nunha chea de foros dixitais –é dicir, en calquera ámbito onde hai ociosos-, discútese sobre a prohibición do burka. Todo co son ambiente e atronador das vuvuzelas, esa corneta surafricana con nome que parece dun paxaro de aquí e que hoxe é un símbolo da modernidade mundial.

O da señorita Carbonero empezou sendo un obvio recurso de quen a contrata para aproveitar outros valores que os das súas habilidades narrativas ou de comunicación verbal. Está claro que se Tele5 optase primordialmente por eses valores tería contratado a Javier Marías, que tamén é futbolero e madridista. As razóns de escollela a ela, sendo vistosa e noiva do porteiro titular do equipo agora promocionado como la Roja, para un posto a pé de campo establecido pola FIFA para as retransmisións ocorreríanselle mesmo ao que asou a manteca. Que determinada prensa británica –e non soamente británica- mata moscas co rabo cando se aburre tampouco é novidade. Pero con eses vimbios máis que sobados fíxose un cesto polémico de alcance europeo. Fernando Urbaneja, presidente dos periodistas madrileños, terciou sobre a deriva profesional da moza, e Mariano Rajoy sentenciou textualmente: "Sara Carbonero no tendrá la culpa si España es eliminada" (o que non deixa de ser un rasgo de cabaleiro nun madridista declarado, tendo en conta a que lle pode caer á pobre se tal circunstancia se produce). Soamente falta que se pronuncie a Conferencia Episcopal sobre a moralidade do asunto para que non reparemos en que se trata dun espectáculo, todo e todos incluídos, de arriba a abaixo.

O do burka é outro, pero como se fai sobre un asunto serio, a dignidade da muller, que non atrae tanto a atención como o fútbol, hai que esaxerar moito máis. Sarkozy tamén o sacou a modo de capote para distraer a atención doutros problemas, pero en Francia, onde a cuestión vén de vello, é máis extensa e máis intensa, non se atreveron a despachala con tanta celeridade. Aquí, que sen máis reflexión nin argumentos que os esgrimidos por algúns colegas columnistas ou os expresados –normalmente con profusión de maiúsculas e confusión de puntos e comas- en foros dixitais, xa se toman acordos nas institucións e todo, mesmo en concellos onde non está comprobado que alguén practique tan bárbara costume. Será este, o da celeridade en despachar os temas, por complicados que sexan, un símil da diferenza entre os acabados Bleus franceses e a explosiva la Roja?

Non o sei, pero si que a vuvuzela é símbolo dos tempos actuais: algo que empezou tendo un uso tradicional, democratizouse en plástico e sirve para que se faga oír calquera que queira expresar o mesmo que a inmensa maioría, sen distinguirse nela porque a frecuencia do trebello é única. O resultado de tanta unanimidade atorda (a corneta acada un volume similar ao dun avión despegando), pero as autoridades (a FIFA neste caso) consideraron que animar é un dereito. De momento, a polémica sobre vuvuzelas non ou vuvuzelas si, non está na axenda do Comité de Seguridade da ONU. Tampouco o da intervención da técnica, particularmente o vídeo, como axuda a que haxa máis xustiza no mundo (do fútbol, claro). Como lle dicía en Casablanca Bogart a Bergman (ou ao revés): "El mundo entero se derrumba y nosotros nos enamoramos".