DE BOLINA

Novel nobel

Xosé Ramón Pena

 

Como (apenas/mal e/ou a rastras) informaron certas canles de TV, emisoras de radio, determinados "papeis" e mais outros variados medios de comunicación, entre o 5 e o 12 do mes que habitamos veñen de ser outogardos os Premios Nobel do ano de graza de 2009. Este, seu, modesto cronista entende ben que, sen dúbida, son vostedes, sempre moi amables lectores, xentes instruídas, intelixentes, atentas a calquera novidade que acontece no noso entorno e, desde logo, absolutamente entregadas á procura do progreso e mais a cultura. É dicir, que fan talmente coma un servidor e non perden nunca xamais de contemplar os documentais cos que nos agasalla a "pequena pantalla" –que lle dicían en tempos- nas moi despertas horas da sobremesa. De aí, daquela, que nin falta fai que lles lembre aquí que, por exemplo, o Premio Nobel de Medicina foi parar nas mans dos profesores norteamericanos Elizabeth Blackburn, Carol W. Geider e Jack Szostak. O motivo? Pois calquera cousa sobre células, divión de cromosomas e argalladas así. En fin; nada de nada, pura e dura minucia. Se, polo menos, tivesen inventado algo efectivo contra esa gripe que nos invade ou, que sei ei, para curar de veras as hemorroides! Claro que qué cousa dicir, da súa parte, sobre os gañadores do Premio de Física? O chinés Charles K. Kao e os norteamericanos Williard S. Boyle e George E. Smith parece que andan a traballar arredor da fibra óptica e das cámaras dixitais. Pois vaia mérito! De certo que vostedes coñecen a alguén que, á súa vez, ten un curmán que che piratea con absoluta precisión e nitideza o sinal de Gol TV: iso si que é darlle ao "tema" dixital e o demais son contos!

Do Premio de Literatura tan só constatar que, un ano máis, non se acordaron de Vargas Llosa, que é o único candidato que realmente coñecen/interesa aos "creadores de opinión" dos Madriles e as súas terminais en "provincias". Canto ao de Economía, mellor nin falar: Elinor Osram e Oliver E. Williamson estudan a xestión gubernamental da economía. Gubernamental? Ou sexa, que do que se trata é da versión yankee do plan E de ZP? E Camps, e Correa, e Ricardo Píjez Costa, e o "Bigotes"? Non lles parecen a Vdes. xentes moito máis cualificadas en enxeñería económica e, xa que logo, merecentes da atención dos académicos suecos, sempre a faceren o idem?

Porén, mentres tales cousas acontecían en Estocolmo, ao outro lado da fronteira, en Oslo, proclamaban urbi et orbi o nome do vencedor do Nobel da Paz. Xa saben: trátase dese rapaz/señor moi bronceado –que diría o simpatiquísimo Silvio Berlusconi; pura envexa é a que corroe a Il Cavaliere: por moitas horas de solarium que teime, nunca xamais será quen de "ligar" máis bronce que Obama- a habitar na Casa Branca –con maiúsculas; será única que hai aló desa cor?; e non fagan Vdes. o chiste evidente- de Washington D.C.

"Pero se aínda non fixo nada!", andan a retrucar algúns/bastantes, logo de coñeceren a nova. Pois pode que teñan a súa parte de razón, pero, a pouco que o consideren, e sen saírmos das nosas fronteiras patrias, contamos con moi escintilantes premiados de ringo-rango cuxa traxectoria tamén ten o seu aquel: por exemplo, Fernando Alonso recibindo o Príncipe de Asturias de Deportes –cantas carreiras gañou logo de tal?- ou aínda Mario Conde, flamante "honoris causa" pola Universidade Complutense –a S.M. Don Juan Carlos I e demais autoridades presentes, dito sexa de paso- e mais a de Alcalá-Meco. Ou Luis Roldán, ás portas mesmas da Cruz Laureada de San Fernando.

Iso si; de seguir en tan brillante traxectoria, e como suxería o pasado sábado, neste mesmo lugar, a xenial "tira" cómica asinada por Javier Aguilera, ben pode acontecer que a Guía Michelín lle conceda un par de estrelas á Casa Branca en razón dos magníficos sándwiches de xamón e queixo que Mr. Obama prepara con esmero unha vez á semana. Ou aínda que obteña un novo Nobel: desta volta o de Literatura. Por que? Pois segundo informan os espías contratados por este venerable rativo, o presidente dos todopoderosos Usa é autor de vinte poemas de amor (e unha canción desesperada) dedicadas, cando noivos, á súa señora, Dna. Michelle Obama –de solteira, Michelle Robinson-. Quen sabe? Por menos, alcanzaron o Parnaso Echegaray ou os irmáns Álvarez Quintero.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya