"Quen enganou a Roger Rabbit?": tal era o título do célebre film de Robert Zemeckis e Richard Williams. "Quen enganou –quen lle meteu o calote, dito/escrito vaia en lexítimo vigués- a D. Alberto Ruiz-Gallardón e cia"?

Nin que dicir ten, este modesto cronista entende que aínda han de converxer uns cantos de entre os, sempre moi amables, lectores, a retrucarme que iso de facer socioloxía "a toro pasado", auto-proclamarse pitoniso logo de concluídos os idus de otubro –ou, mellor, entre calendas e nonas-, vén resultar algo semellante a rematar con éxito as carambolas de billar que os seus cortesáns, seica, lle propiciaban a Fernando VII. Porén, se habemos de ser sinceros, máis aló das sístoles e diástoles, dos pálpitos e ereccións matutinas de certos (supostos) "creadores de opinión" que pontifican na, absolutamente desmelenada, prensa/radio/tv. dos Madriles, o certo é que as cartas sempre estiveron postas boca arriba. Traducido: que hai verdades da razón que o corazón teima en non querer escoitar; mellor dito –e a iso iremos decontado- que ao corazón e, sobre todo, aos que viven del, non lle interesa escoitar de ningún xeito. Chicago, pois? Río? Madrid? En realidade, acontece que, a pouco que alguén fixese os cálculos pertinentes, a decisión semellaba "cantada".

Desde, polo menos, 1936 –cando a Alemaña nazi os organizou en Berlín, desprazando á Barcelona próxima á traxedia,- os Xogos Olímpicos veñen ser unha perfecta conxunción entre o panem et circensis e mais a perenne necesidade dos estados por demostrar "quien la tiene más larga". Ou o que é o mesmo: nin falta fai que lles lembre a Vdes. como as Olímpidas constituíron durante décadas o campo de batalla incruento –aínda ben!- para dirimir a potencia da Unión Soviética e aliados, dunha parte, e mais esoutra do chamado "mundo libre occidental", doutra: a desputa medallística entre as dúas Alemañas deveu paradigmática. Mais concluídos os tempos da guerra fría, algúns chegaron a pensar que aquilo do espírito olímpico que proclamara Pierre de Coubertin podería, por fin, alentar libremente, pero… diso nada, monada! Escaparate mediático onde os houber, feira das vaidades transmitida urbi et orbi, masaxe/mensaxe multitudinaria por parte de coorporacións planetarias… as Olimpiadas configuran, ou queren configurar, un negocio suculento e apetitoso. Na utopía/hipocrisía neo-capitalista sabido é que "todos gañan/gañamos"; na realidade, sabido é que, se calquera pode especular na Bolsa, é que a Bolsa non paga a pena. John D. Rockefeller dixit!

Escravos, ao fin, dos seus propios monstros, alcades, ministros, primeiros mandatarios… acoden, daquela, á cita co Comité Olímpico Internacional como quen vai de peregrinación á Meca ou de romaría a Lourdes. Velaí, pois, a representación de todo un poder político –para colmo, elixido democraticamente- rendendo pleitesía, mendigando, pregando… mesmo humillándose diante dun moi selecto club do que forman parte ex-deportistas de élite, certo, pero tamén individuos de cualidades moi discutibles tales Alberto Grimaldi –Alberto de Mónaco, vaia-, Mohamed Mzali ou, nin máis nin menos, Franco Carrazo, multado no ano 2006 pola súa probada participación no Calcipoli ou Moggigate: o maior fraude coñecido na historia do fútbol italiano.

Normas non escritas –pero nitidamenterecoñecida: tal esa da rotación entre continentes-, acusacións de compra de votos –vexan Vdes. o documental da moi seria BBC aos efectos-, amaños e apaños… Sinalan agora certos membros da delegación española que se sentiron enganados; a pregunta é: a quen pretenden enganar eles, á súa vez?

Porque o certo é que iso mesmo que sospeitabamos con fundamento moitos –a existencia dun "diktat Rio"- tiña que ser de pleno coñecemento dos Ruiz-Gallardón, Aguirre, ZP… Porén, empuxados –e empuxando á súa vez- a (certos) medios de comunicación amarelos/amarelados, ninguén se atreveu a dar a volta: e se, despois de todo, acababa por soar a frauta? Vale: o último "mariposón", pero… anda que o primeiro!

De veras que o autor destas crónicas sinte o do calote: ao cabo, gústanme os deportes –mesmo o deporte-espectáculo- e manteño con Madrid, e con máis dun madrileño, relacións de sincero afecto, pero… En fin, que cousa se pode facer no Río de Xaneiro se un non é deportista de élite e, ademais, non sabe bailar o samba?