O pasado mes de novembro, anunciabamos nesta tribuna as enormes dificultades societarias que padecería o Real Club Celta S.A.D. se non conseguía o seu obxectivo de ascender a primeira. Cumpríronse os nosos peores agoiros, tras unha tempada nefasta a nivel deportivo na que o club perdeu a súa deriva, abrindo unha fenda enorme de desconfianza cos seus seareiros. Unha errada política de fichaxes -que concibiu ao Celta como un mero conxunto basoira onde foguear a supostas "promesas" de conxuntos capitalinos-, unha dirección anémica por parte de catro adestradores (unha marca moi difícil de superar), unha inxenua confianza da presidencia na dirección deportiva e unha actitude tan diletante como prepotente por parte da maioría dos membros do cadro de xogadores provocaron este estrepitoso fracaso deportivo, que na segunda volta situou ao equipo de forma vergonzosa preto das posicións de descenso.

Domingo a domingo, diante de resultados decepcionantes e dun xogo tan raquítico e aburrido, os moi esixentes seareiros celestes non soubemos, tampouco, afacernos á nova categoría, pensando inxenuamente que tiñamos diante ao mesmo equipo que durante unha década gloriosa atuou aos mellores conxuntos europeos co seu marabilloso xogo da serpe. As desercións continuas nas bancadas de Balaídos (onde só quedamos apenas cinco mil resistentes) e a profunda división das peñas amosan, tamén, a profunda crise na que caeu o colectivo do celtismo. O Celta e o celtismo viven, pois, momentos difíciles.

Atopamos as causas desta crise -que levou ao consello de administración a solicitar voluntariamente no xulgado do mercantil a aplicación da lei concursal- tanto na errada xestión deportiva do actual propietario do club, Carlos Mouriño (comprou o equipo participando en Champions), como á da nefasta xestión económica do anterior, Horacio Gómez, que levaron a acumular unha débeda enorme (oitenta e catro millóns de euros, a finais de 2007). A pesar de que o caso do Celta non é único (o Coruña de Lendoiro, por exemplo, debe 150 millóns de euros), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. Mouriño non tiña outra opción: ou solicitar a aplicación da concursal, con todas as penosas consecuencias que isto conlevará, ou promover a disolución do club. Como antes lle sucedera ao Xixón, As Palmas ou ao Málaga, o Celta entrando na concursal iniciará o seu proceso de reconversión societaria. E non esquezamos que a pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.

É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades, na medida que terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e as contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados, vivindo como novos ricos por riba das nosas posibilidades, e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos.

Por moito que doa, os celtistas non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel Eurocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), e cos medios dos seus seareiros (sen axudas públicas ningunhas), o deserto da segunda. Esta pode ser unha oportunidade preciosa para refundar un Celta galego (onde non lle vexo cabida a Ramón Martínez, o director deportivo, responsable primeiro do fracaso desta tempada), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Jonathan Vila) e mozos e veteráns repatriados (Trashorras, Diego Castro e outros que poidan chegar). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras... e Suco). Recuperar aquel entusiasmo sobrio e actitude de pelexa na lameira pode ser a derradeira oportunidade coa que contemos para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico. Na vindeira tempada, estaremos en Balaídos con azos renovados. O éxito desta derradeira oportunidade para o Celta dependerá só dos celtistas.

bretemas@gmail.com