Carme Chacón, primeira Ministra da Defensa; muller, preñada e federalista. Por imaxe e contido, por ética e estética; tres características que son trepia de modernidade substanciada no seu paso firme de muller preñada, no seu discurso a prol da unidade do Estado que reivindica o respecto pola diferenta, polo feito plurinacional.

O seu primeiro acto diante do Estado Maior foi portada en moitos medios, mesmo internacionais, por canto a percepción de ruptura con formas ("imaxes") antigas e resesas trascende as nosas fronteiras; o patriarcado non entende de alfándegas, máxime na institución militar.

Imaxe que bate coas fronteiras mentais de algúns comentaristas machistas que non toleran, aínda hoxe, o paso firme dunha muller preñada con "mando en plaza". Creadores de opinión alporizados coa ruptura mental que supón o "ordeno y mando" da señora ministra na sacrosanta e patriarcal institución militar, tan de machos coma eles. Machos opinantes, de fronteiras mentais provincianas, as da súa "vetusta" patria de Misoxinia.

Entendo o seu cabreo, as súas críticas prisioneiras do prexuizo sexualizador e ironicamente castrante, tan castrenses eles. Entendo este cabreo de macho cabrio.

Para a Lexión todos eles, a defenderen á patria que non á matria, claro.