Javier Sánchez de Dios / SANTIAGO

Intelixente, dialéctica, reforza xestualmente aquelas frases que desexa suliñar. Non semella ter inquedanza algunha, a pesares de que dende o PP remítenlle o seu labor, por"partidista, cando non sectario".

- Vostede é un obxectivo prioritario para a oposición...

- É significativo que o que se pretende denigrar é o cambio nos modos de facer a política cultural neste país. A min non me preocupa o efecto que poida ter na consellería, porque baseamos o noso traballo na discriminación dentro da cultura, de que calquera poida traballar, que calquera -pois non me importa onde estivo ou deixou de estar- poida realizar o seu traballo. Nós só manexamos un criterio: o artístico.

- Pero algunhas das críticas máis chamativas foron para o seu departamento...

- Nós facemos o noso traballo con entusiasmo e con adicación plena, e penso que estamos a lograr resultados moi interesantes e importantes. A sociedade galega ten agora mesmo unha imaxe distinta da súa cultura, e iso fai moito dano a algúns. E non só moito dano polo que eles representaron na Xunta durante quince anos, senón polo que hoxe seguen a representar nos concellos. E o feito de que se poida contrapoñer o que se fai cando a xente cre realmente na cultura galega e está nas institucións, e o que é en cambio o traballo doutra xente que non cre na nosa cultura.

Ver esa contraposición é o que lles fai moito dano, e por iso intentan en todo momento torpedear o noso traballo. Algo que por certo fainos certa gracia: tardamos algún tempo en entender porqué, e ao final vemos que a oposición está intentando dicir de nós o que en realidade son eles; ou sexa, tapar como poidan as súas carencias, que arrastran dende hai moitos anos.

- Vostede quería visualizar a cutura galega, era o seu primeiro obxectivo. ¿Está visualizada xa?

- Sí, claro.

- Non me ía dicir que non...

- Hai cultura galega visualizada non só porque o diga eu, senon porque vese en todas as liñas que se foron tomando. En música, por exemplo, por fin fixemos real a M do IGAEM, e temos un sector musical moi boiante pese a que tivo que sobrevivir á marxe das institucións. Estamos encantados, imos ás feiras internacionais con eles e o resultado é exitosísimo. E o mesmo está a pasar coas outras manifestacións culturais. A nosa confianza fai que todo o que era política de difusión, de distribución e tamén de proxección internacional xa se estea levando adiante. Mire, sen plantexar autorías nin nada, aí está a Lei do Libro e da Lectura.

Estou encantada de ir da man de tódolos sectores vencellados co libro, de poder dicir que imos facer un esforzo inversor de cincuenta millóns de euros ao longo do Plano de Fomento da Lectura... E creo que iso se está a ver en todo, e ese tipo de cuestións dan unha idea moi clara de que o que dicíamos era certo, que estamos a traballar pola cultura galega e que o facemos en compañía de propia cultura, e non dende os despachos. O resultado, nese senso, aválanos e ao mesmo tempo fainos vítimas da oposición.

-Os libreiros chocaron coa Consellería de Educación. ¿Vostede compénsaos, e así apúntase o tanto?

- Non se trata de apuntarse tantos. O traballo é conxunto e solidario. En canto ás axudas, están baremadas, confirmadas por numerosos especialistas de fóra do ámbito da consellería.

- Está fóra do ambito da Consellería, pero ¿son amigos?

- Son xente da cultura, esa é a cuestión. Mire, a cultura funciona nun mercado máis ou menos libre, pero as axudas son importantes porque a competición mercantil está moi desequilibrada. As institucións deben asegurarse de que a cultura deba xogar o seu papel.

- A vella pregunta é se vostede cre que a cultura é rendible...

- Estamos xa a falar de industrias culturais. Un gran proxecto no que traballamos é o Instituto de Industrias Culturais, é dicir, o centro que realmente sexa capaz de convertirse no motor e a ferramenta que se precisa para que as nosas industrias culturais, que son moi boas, e que contan con moito talento, se consoliden.

Ademais eu creo que os gobernos teñen a responsabilidade de ser capaces de que as súas culturas sexan capaces de xogar un papel, independentemente de que, insisto, neste intre esteamos nun mercado moi desequilibrado despois da globalización.

-Conselleira, durante moitos anos, e case en todas as partes, as subvencións convertíronse en ferramentas de control.

- Insisto no que lle dicía sobre as cousas que uns fan e as que cren que outros tamén, non sendo certas. O control, nese senso, é un concepto non democrático, e nos somos un goberno democrático. Aparte de que seguramente vostede estará de acordo conmigo en que controlar a cultura, cando a cultura é de verdade, é difícil, porque a cultura baséase na liberdade ou non é cultura. E nós falamos de cultura galega en liberdade.

-Hai quen di que as axudas fomentan confort, non talento.

- Discrepo. Debemos subvencionar a experimentación, a innovación e todas esas cousas que o mercado non se pode permitir pero que son as que forman e salvan o talento, que é chave para o desenvolvemento cultural.