Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ELECCIONES EN GALICIA

Carmen Santos: "Queremos una coalición, pero con Podemos en la marca"

"Os nosos aliados deben respectar a nosa decisión e aprender de erros do pasado"

Carmen Santos, secretaria Xeral de Podemos en Galicia // J. Lores

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, ten as ideas claras. O futuro de En Marea pasa, nas vindeiras eleccións municipais e tamén nas autonómicas, por unha coalición electoral e incluír Podemos na marca. A polémica en torno a Paula Quinteiro considéraa superada e sobre o desgaste de Luís Villares advirte de que a unidade "é dolorosa e non doada".

-As bases de Podemos acaban de pronunciarse a favor de ir en coalición electoral e coa marca Podemos visible nas candidaturas das eleccións municipais. Pasará o mesmo para as vindeiras autonómicas e darán marcha atrás con respecto a 2016, cando renunciaron á marca Podemos e á coalición?

-En 2016 apostabamos por ir en coalición e co nome Podemos na candidatura, pero non puido ser. Non mudamos dende entón. Seguimos querendo, como se acaba de comprobar de xeito rotundo e aplastante. Así vai ser en todo o Estado, e non hai motivos para que non sexa así en Galicia a partir de agora. Os nosos aliados deben respectar a decisión dos nosos inscritos. Debemos aprender dos erros do pasado.

-Para as municipais contemplan tres excepcións: A Coruña, Santiago e Ferrol, onde non esixen nin coalición nin que Podemos vaia na marca electoral. Renuncia Podemos a tres das sete cidades?

-Non. As alcaldías do cambio son tamén de Podemos. A xente vincula as alcaldías de A Coruña, Santiago e Ferrol con Podemos, apoiadas por nós. O proxecto municipal desas tres cidades é de todos, e como os proxectos están consolidados, non os tocamos. Iso si, queremos participar nas listas, axudar aos alcaldes a ter unha maioría máis ampla.

-Ata que punto a consulta ás bases de Podemos ata a dirección? Que pasa se os aliados nunha urbe ou vila rexeitan as vosas condicións, irán por separado?

-A dirección autonómica, cos círculos locais, poderiamos plantexar outra consulta, pero só en casos excepcionais, se non non sería serio. Tendemos a man aos nos aliados fraternamente para chegar a acordos, pero temos a lexitimidade das nosas bases, máis de catro mil inscritos votaron. Nós cedemos en cousas e esperamos que os nosos aliados tamén cedan. E, se non, cada un defenderá os seus proxectos e logo poder haber pactos postelectorais.

-Podemos quere mulleres candidatas, pero deixando á parte por ser excepción as cidades onde gobernan as Mareas, só queda Lugo e Vigo para elexir cabeza de cartel. En Pontevedra e Ourense xa están nomeados e non son mulleres.

-Os candidatos das confluencias teremos que velos. Haberá que ver quen vai ser o candidato final ou candidata de cada cidade, coa excepción de A Coruña, Santiago e Ferrol, aí se deciden repetir os alcaldes, apoiarémolos. Porque algúns se adiantaran no tempo non poder ser que Podemos non poida optar ás alcaldías.

-Pensa ser candidata en Vigo?

-Non. En ningún caso. Teño unha grande implicación con Vigo pois vivo en Vigo, pero as miñas responsabilidades son autonómicas.

-Como o fai Rubén Pérez en Vigo?

-Fai un traballo complicado pola maioría absoluta de Abel Caballero. Está sendo un altavoz das reclamacións de mellora da cidade, pon o foco nas debilidades do goberno de Vigo porque non hai goberno perfecto. A alcaldía de Vigo fai cousas ben pero pode mellorar noutras.

-E que balance fai do Goberno de Feijóo?

-Pese á propaganda do PP, a xente segue cos mesmos problemas. Non imos a mellor os cidadáns de a pé. Ten en guerra ós traballadores da xustiza, da sanidade, ás mulleres, ós pensionistas, e hai moito malestar no sector do mar, no lácteo... A triste realidade desmonta as mentiras de Feijóo, de que isto vai ben. -"Son deputada e estades a interferir no meu labor parlamentar. Teño un réxime especial". Así consta no atestado policial que Paula Quinteiro lle dixo á policía na madrugada do sábado 17 cando axentes aparecen por unha denuncia vecinal de vandalismo. Actuou correctamente a deputada?

-Falo a título persoal. Coñezo a versión da nosa deputada e creo á nosa deputada. Paula non usaría nunca a súa condición de deputada para sacar un privilexio ou ter unha ventaxa e non responder ante as normas. Condena totalmente a violencia. Todo a súa intervención aquela noite foi para mediar e resolver un conflito. Paula non ten ningunha causa aberta,non está denunciada, non está imputada.

-Se cre a versión de Paula, non cre a versión policial?

-Non vou valorar o atestado policial.Paula vai defenderse onde ten que defenderse, en vía interna e vía xudicial. Non na prensa.

-Para vostede, Paula Quinteiro non debe dimitir?

-Entendo o que entende o grupo parlamentario, onde houbo un consenso amplo de que os erros que puido cometer non son suficientes para esixir a dimisión. A metade do goberno popular tería que ter dimitido por esa regra de tres. O PP non ten lexitimidade nin ética para esixir dimisións cando nas súas filas teñen o que teñen. O PP non vai marcar a nosa axenda nin vai darnos leccións morais.Aínda agardamos as explicacións de Feijóo de como chegaron ás súas mans as súas fotos con Marcial Dorado. A que nos expliquen o título falseado de Cifuentes, ou como pode ser que o Ministerio de Sanidade fiche a un cargo do Sergas que leva ás súas costas a morte de seis persoas por recortes nos medicamentos da hepatite C.

-Precipitouse Luís Villares ao pedir a dimisión de Quinteiro, sen ter apoios dabondo?

-Eu falo como secretaria xeral de Podemos Galicia. Ninguén gañou nin perdeu. Foi complicado para todos.

-O grupo parlamentar non pide a dimisión, pero si a pide a dirección de En Marea. Quen prevalece?

-Eu podo falar de Podemos e do grupo parlamentar de En Marea, pero non sobre un partido instrumental do que non formo parte.

-E como queda Villares tras ser desautorizado pola maioría dos seus deputados?

-O importante é salvar o espazo político de cambio e a unidade. O espacio está por enriba das personas. Antepoñemos a alternativa de cambio político a cuestións que defendemos a título persoal. Todos. Eu, Eva Solla, Ferreiro, Noriega, Súarez, Antón Sánchez, e tamén Villares. Nas eleccións autonómicas, vulnerouse o que votaron os inscritos e inscritas de Podemos Galicia que queriamos unha coalición electoral e que na marca electoral figurase Podemos. Para protexer o espazo de cambio, antepúxeno ao que dixeron os inscritos. A unidade non é doada, é dolorosa.

-Está lexitimado Villares para seguir como voceiro tras non ser apoiado pola inmensa maioría do de seu grupo para pedir a dimisión de Quinteiro?

-Non se cuestionou para nada a portavocía de Luís. Non está agora a debate.

-Deste conflito Podemos sae máis unido, pois Quinteiro era crítica coa súa xestión, pero tralo apoio recibido por vostede seguro que muda de bando, non?

-Nos últimos tempos xa non había tantos enfrontamentos. Houbo una diferenza de proxecto político, pero co traballo diario foise diluíndo. Non aceptamos un campaña de acoso e derribo a unha compañeira. O PP quería botar a Paula do grupo e criminazala.

-O PP quería desgastar En Marea e conseguiuno. Volveron a visibilizar as súas diferenzas.

-Queren romper o espazo de cambio e dentro do espazo de cambio o principal inimigo a bater é Podemos, polo que representa a nivel estatal. Como dixo o rexedor de A Coruña, todos temos que aprender a resolver isto en 24 horas e non en tantos días. Estabamos preocupados pola mensaxe que se trasladaba cara a fóra, non pola nosa división. Queriamos deixar claro que non apoiamos a violencia, o vandalismo. E, se fose o caso, actuariamos de xeito contundente.

-Danse conta de que con todas as friccións internas xóganse ser unha alternativa crible ao PP?

-Precisamente por iso quixemos tomar a decisión máis responsable e tardamos en tomala. Somos moi conscientes de que somos a primeira forza de cambio en Galicia e somos a esperanza de cambio en Galicia. Para liderar ese cambio non podemos dar pasos en falso. Non podemos defraudar.

Compartir el artículo

stats