A pasada semana o presidente da Xunta puxo en primeira liña do debate político algo que dende as asociacións de consumidores levábamos xa tempo denunciando: Galicia sitúase entre as comunidades autónomas cos prezos de carburantes máis altos do Estado, nomeadamente o gasóleo. Esta situación é así antes de impostos e, dende xaneiro, en prezo de venda ao público. Ademais de neste "clube", tamén nos atopamos dentro das provincias nas que máis medrou a marxe de distribución nos últimos meses.

Esta realidade enténdese revisando o conxunto do mercado de carburantes do Estado español antes de centrarnos na realidade galega. España destaca na Unión Europea por atoparse entre os estados que teñen un dos prezos máis elevados de gasóleo e gasolina antes de impostos. Sen embargo, situámonos por debaixo da zona euro no que nos custa encher o dépósito, situación derivada de contar cun sistema impositivo entre os máis baixos da comparativa. As diverxencias con Europa tamén as atopamos nas marxes de distribución xa que estas son cada vez maiores.

Dende hai dous anos as marxes brutas de distribución aumentan no Estado tanto no referente ao gasóleo A como á gasolina 95, pola contra, no resto da Unión Europea esta evolución mantense estable. Esta situación explícase en grande medida porque as subas no prezo do petróleo son trasladadas, case de xeito inmediato, aos prezos de venda ao público de igual xeito que en outros estados membros; a diferenza é que no Estado español as baixadas na cotización non se trasladan completamente aos prezos de venda ao público.

En Galicia atopámonos diante dunha situación na que se conxugan as causas que mencionaba: o tramo máis alto do imposto sobre carburantes e o aumento na marxe de beneficio cunha escasa competencia no sector. Esta situación non é de agora, é certo que a suba impositiva produciuse coa chegada do 2014, pero tamén é certo que xa víñamos soportando os prezos máis elevados do estado antes de impostos. Parece que os poderes políticos non vixiaron de xeito efectivo que nos dotásemos dun mercado cunha competencia real e así non tivéramos que sufrir este oligopolio que fai que as estacións de servizo galegas teñan case todas os mesmos letreiros. Somos os consumidores e as consumidoras galegas presas dun mercado que non funciona e dunhas empresas que só buscan maximizar beneficios sen importarlle a realidade socioeconómica que estamos atravesando.

Esperemos entón ver cales son as anunciadas medidas de fomento da competencia esperando que esta actúe do mesmo xeito que noutras partes do estado. Mentres esperamos seguiremos reclamando un seguimento estricto dese "alineamento" de prezos que se dá entre grandes operadores e que mes tras mes destaca nos seus informes a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

Presidenta da Unión de Consumidores de Galicia