Elefante Elegante trae a Lalín un espectáculo sobre o alzhéimer

“Kyoki”, a súa peza de linguaxe xestual sobre o esquecemento e a vellez desde unha ollada poética chega o sábado ao Salón Teatro

María Torres protagoniza “Kyoki”. |   // VANESSA RÁBADE

María Torres protagoniza “Kyoki”. | // VANESSA RÁBADE / REDACCIÓN

Redacción

O alzhéimer desde unha ollada poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, o espectáculo que Elefante Elegante trae ao Salón Teatro de Lalín este sábado, 11 de maio, ás 18.00 horas Esta peza para público familiar dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade. A función, con entrada libre ata completar aforo, enmárcase dentro do programa Maio, o mes das nosas letras, do Concello de Lalín.

Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki –palabra que significa “demencia” en xaponés– é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. “Porque, se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada... Quen non esqueceu algunha vez onde colocara a caixa das galletas? Ou quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés?”, inquiren desde Elefante Elegante. Kyoki quere ser “unha ollada sensible ás experiencias que viven as persoas que precisan ser coidadas e máis as propias coidadoras”.

O espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, para definir unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo.