A primeira mención pública de Carlos Casares a Ramón Piñeiro sorprende polo temperán, aínda que tamén polo xénero. Cando a revista Grial reaparece no ano 1963, inclúe unha homenaxe poética a Rosalía de Castro na que colaboran catro poetas mozos. Nomes como Salvador García Bodaño, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres aparecen acompañados dun autor como Carlos Casares, o único dos catro que non contaba, nin contaría nunca, cun libro de poesía editado. "Acabóuse o pranto xa pra sempre, / endexamáis voltaremos hastras bagóas / porque é tempo de se erguer. / Dende Padrón a Trasalba / baixa polo tempo / un río de arelanzas: / Otero, Piñeiro, Carballo, Celestino [...]" O poema do ourensán insírese nun tempo no que a parte máis dura da posguerra quedara atrás e a ditadura, aínda lonxe do seu final, relaxara un tanto a represión política. Tamén deixa entrever como Casares, que contaba 22 anos na altura e chegara a Compostela dous cursos atrás, estaba perfectamente integrado xa na familia galeguista, destacado como un autor novo nos recuperados medios de comunicación de Galaxia, e recoñecendo ao tempo á xeración que os fixera posíbeis no seu poema.

Entre eles, Ramón Piñeiro, que de sempre tivo unha debilidade especial por aquel mozo de Ourense que pasara polo seminario e frecuentara as tertulias de Don Vicente Risco. Risco, a pesar do seu afastamento ideolóxico posterior, seguía movendo unha parte importante do imaxinario galeguista, especialmente o daqueles que, como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego ou Xaime Isla Couto, principais artífices dos primeiros anos da Editorial Galaxia, pasaran antes da guerra polas Mocedades Galeguistas. É doado localizar en Risco as raíces ideolóxicas dun proxecto profundamente marcado polo esencialismo e o conservadurismo, cando menos nos seus inicios. O que Piñeiro propugna para Galaxia é unha sorte de programa étnico, no que a literatura ten que adecuarse ás características propias do pobo galego e recoller a súa cosmovisión única.

Deste xeito, cando autores novos como Gonzalo Rodríguez Mourullo ou Xosé Luís Méndez Ferrín abordan a renovación da narrativa galega de posguerra atoparanse con distintas reticencias por por parte do núcleo de Galaxia. Nin a modernidade, nin o absurdo existencialista, nin as influencias da literatura francesa resultan suficientemente galegas para o programa de Piñeiro, que os acusa de facer literatura deshumanizada. A alternativa son as narrativas baseadas no lirismo e na imaxinación, no humor e na paisaxe galega.

A mediados dos anos sesenta esa guerra seguía latente, pero xa concluíran as súas batallas principais. Os novos narradores evolucionaran cara ao marxismo ou abandonaran a escrita, pero seguían acusando a Galaxia dun dirixismo acartonado. Quen ofrece unha solución para Piñeiro será aquel rapaz de Ourense en 1967 con Vento ferido, unha obra que incorpora as innovacións europeas, envolvéndoas nun pouso lírico e situándoas en ambientes galegos. O éxito da proposta de Casares permite reinterpretar moito do que sería Galaxia nos anos seguintes. Por algo será reivindicada tanto desde os novos, que inciden na innovación técnica, como polos piñeiristas, fieis á liña marcada nos anos previos. Para estes últimos a obra resalta por ofrecer a cosmovisión necesaria para facer unha literatura propiamente galega.

A relación de Casares con Piñeiro seguirá estreitándose nos seguintes anos, algo que lle abre ao ourensán o camiño á sucesión do mentor á fronte de Galaxia. A súa primeira proposta, porén, triunfou por ir máis aló dunha adhesión sectaria e saber ler, nun tempo e nun país convulsos, os ritmos da literatura.

A cuestión do público

  • O impasse no que os novos narradores se atopan a mediados dos sesenta ten moito que ver coa evolución de moitos deles cara ao marxismo. Acusaran a Galaxia de buscar un público minoritario na burguesía, de ofrecer unha representación perfecta do pobo no literario pero que non ía dirixida ao seu consumo. Porén, a gran contradición era o feito de estaren a facer eles mesmos unha narrativa altamente intelectualizada que reducía a súa audiencia a unha elite culta. Dous modelos esgotados que facían da cuestión do público algo fulcral.Para Casares o tema é importante dende primeira hora, e así o declarou varias veces. Propostas como a de Rodríguez Mourullo eran innovadoras, pero non chegaban ao lectorado galego. Preferir Albert Camus a Jean-Paul Sartre, ou procurar o lirismo innovador de autores como Cesare Pavase en lugar do experimentalismo puro do Nouveau Roman foron algunhas das estratexias do autor en canto á xestión das influencias.O feito de levar o público a primeiro termo tamén servía como anuncio dos tempos que chegaban á literatura galega, onde a actividade editorial pasaría a ser algo máis que unha extensión ideolóxica da resistencia anti-franquista e se perfilaba a posibilidade dun mercado editorial. O propio Casares tería a oportunidade de ser escritor e editor nese contexto que posibilitaría o final da ditadura.