Neste mes de xullo que vai empezar o futbito da Xunqueira, onde moitas veces estivemos xuntos mirando os nosos rapaces, fai dez anos que Charo non está co Grupo Casa Paco nin cos seus pacientes do ambulatorio de Redondela.

Cando empezaron a xogar os seus fillos, primeiro Rubén e despois Cayetano, deixou unha pegada imborrable, como outras moitas máis. Por traballadora, lavando as camisetas, levando os seus fillos a Reboreda ao campo para adestrar e xogar, servindo comidas no maratón galego de benxamíns que facíamos e, sobre todo, dando bos consellos cando había algún problema.

Sen Charo, hoxe o Grupo Casa Paco non sería a familia que é. Hai fotos dela no noso museo que o demostran. Porque naqueles anos que tíñamos a rivalidade co Choco, ela poñía a cordura e hoxe vese a súa gran labor porque non hai rivalidade e todos somos deportistas amigos do noso pobo. Cando vou ao ambulatorio a boto en falta porque ela, que non era dun físico grande, enchía toda a sala da consulta do doutor don Miguel Vergara, estando atenta e preocupada das recetas de todo o mundo, con boas palabras.

Aprendín moito de ti Charo, por iso dende o ceo, que sei que estás aí, pedirás que o Grupo Casa Paco sexa sempre unha familia de deporte, convivencia e amizade. Redondela de Galicia.