O cantante e compositor brasileiro Roberto Carlos regalounos nos anos 70 do século pasado unha marabillosa cantiga titulada "O progreso", na que facía unha crítica sobre o mal que estabamos tratando o planeta e por extensión a nós mesmos. Con esta letra Roberto Carlos expresaba o seu malestar e incomodidade ao sentirse partícipe da forma en que o ser humano non respecta a vida, non respecta ós demais seres vivos e non respecta a natureza.

"Eu non podo aceptar certas cousas que xa non comprendo/ O comercio de armas de guerra de mortes vivindo/ Eu quixera falar de alegría en vez de tristeza pero non son capaz/ Eu quixera ser civilizado coma os animais". Nas catro décadas de vida deste disco, do que se chegaron a vender millóns de copias, non teñen progresado moito as cousas, en moitos casos teñen ido a peor. Algo positivo ten sido o trato con algúns animais, basicamente cos chamados de compañía, en especial cans e gatos.

É sabido que a convivencia cun animal de compañía repórtanos beneficios para a saúde: mellora o benestar psicolóxico, reduce o nivel de estrés, reduce a sensación de soidade, favorece o exercicio físico e as relacións sociais (hai que sacalos a pasear), permítenos poder falar con eles? Todos estes beneficios comportan tamén obrigas básicas: a alimentación, a hixiene, a educación, o ciclo sexual e a esterilización, visitas ao veterinario? Mesmo hai quen se preocupa de comprarlle roupas, xoguetes, levalos á perruquería?

Desde sempre, as persoas tivemos a necesidade de relacionarnos cos animais; outra cousa son os excesos e as frivolidades á hora de adquirir e coidar un animal de compañía. Seguramente influídos por modas consumistas e deshumanizadas moitas veces terminamos mercando unha mascota como se dun obxecto de decoración se tratase. Esta é a razón pola que se explica que 150.000 terminen cada ano abandonados en España.

Na vila onde vivo, en Redondela, excepto un refuxio para animais abandonados (iso é un pouco complicado e pouco vistoso) do resto temos de todo. Este verán habilitamos dúas zonas nas praias de Arealonga e Cesantes para cans e un parque específico equipado de elementos para que os animais poidan xogar, por importe de 10.000 euros. Isto facémolo nun concello rodeado de monte e parques forestais (o 70% do territorio é monte) a dez minutos do centro da vila.

Pois moi ben e con todo o cariño e respecto para os cans: como é posible que fronte ao recente inaugurado parque canino haxa un colexio de educación primaria (o CEP Santa Mariña) no que están matriculados 500 alumnos e non conte cun patio cuberto para o recreo dos nenos? (oito anos levan reclamándoo).

Con todo, eu creo que calquera afeccionado á psicoloxía podería dicirnos que nós ou non fomos ben alimentados de pequenos ou pásanos algo de consideración para unha consulta de especialista.