O poema de Manuel María "Acuso á clase media" lévame a facer un paralelismo coa experiencia destes días de celebracións arredor do Día das Letra Galegas. Canto cerimonial e pose facemos nun par de días para logo esquecer o noso idioma, a nosa lingua!

O pasado día 18, a Biblioteca Central da Universidade de Vigo, no seu campus de Pontevedra, organizou un pequeno acto con lecturas e música arredor de Manuel María. Houbo cheo? Non, só estabamos unhas poucas persoas. Iso si, a biblioteca si que o estaba: estudantes e opositores --cantos meu Deus!-- preparando os seus exames. Como o acto non duraba máis de vinte minutos e era ás 12, non podían facer un pequeno alto? Se cadra, até relaxaba a tensión do estudo. E logo, non estaban os profesores? Chegábanme os dedos dunha man para contalos.

En definitiva, como podemos defender a nosa lingua con estes exemplos? Iso si, despois botámoslles a culpa aos políticos e a outras persoas ou institucións.

Non debería ser a Universidade a primeira institución educativa en pór todo o seu esforzo en promover e potenciar o noso principal patrimonio? "No nome do pobo eu vos acuso!"