Coa tranquilidade que dá saber que Santiago Rodríguez Cunha "Santi" partiu tranquilo e sosegado ao universo onde tarde ou cedo iremos acompañalo, queremos agradecer en nome de toda a familia as mostras de afecto e cariño que todos os seus amigos e amigas amosaron nestes días e durante a súa enfermidade, que fortaleceron en nós a idea de que Santi era moi querido na vila. O noso irmán revelouse nos derradeiros días como un home bo, que xa o era, un enfermo cariñoso e que soubo levar con toda a dignidade a súa enfermidade.

Santi formaba parte da paisaxe urbana de Redondela. Home atento que participaba tanto no campo do clube de fútbol do Choco atendendo rifas e marcadores, como asistía animando aos partidos da súa querida Sar ou participaba nos actos relixiosos onde os feligreses o arroupaban e querían.

Santi, o noso irmán, era un pouco de todos. Sentímonos orgullosos de saber que en cada mirada vosa, en cada xesto de condolencia vai un cachiño de cariño a Santi. Para nós é un placebo, unha fáisca de calor que axuda a levar a nosa dor e hoxe máis que nunca queremos compartir o afecto que él tiña por todos e todas. Santi era así, cariñoso e atento. Grazas amigos.