Segundo o dicionario da RAG, en medicina, unha síndrome é un conxunto de síntomas e signos que caracterizan certos estados patolóxicos. Hai múltiples tipos de síndrome: de abstinencia, de Down, de Estocolmo... Este último coñécese desde o ano 1973 e foi así bautizado polo psiquiatra sueco Nils Bejerot, a causa da reacción e comportamento dalgúns dos reféns despois do asalto ao Banco de Crédito de Estocolmo. Durante o atraco os delincuentes foron descubertos e a policía cercou o edificio, o que provocou que os clientes fosen retidos como prisioneiros varios días. A pesar do pánico evidente, os prisioneiros foron identificándose cos secuestradores e terminaron colaborando con eles. A situación chegou a tal punto que, ao seren liberados, algúns reféns non querían separarse dos asaltantes e chegaron a bicalos e a expresarlles o seu cariño.

Isto vén a conto porque creo que moitas das nosas señorías políticas acusan una serie de comportamentos característicos de padecer a síndrome de Estocolmo. Vexamos: a parroquia de Chapela en Redondela é un núcleo de poboación de 7.600 habitantes, atravesada por dúas vías do tren, dúas estradas e unha autoestrada, o que leva provocando unha desestruturación da parroquia e un enorme impacto ambiental e territorial. Por se isto fose pouco, nestes momentos estase executando a construción de dous carrís máis da autoestrada entre Rande e Vigo (6 km, 143 millóns de euros). Persoas autorizadas teñen comparado esta obra como a de pretender encher botellas de aceite (a cidade olívica) con embude de encher bocois. Os problemas de mobilidade non se solucionan con máis autoestradas, senón, con máis transporte público. Téñolle escoitado a un sabio de 92 anos, cada vez que falamos deste asunto: "que será do mundo se se converte nunha gran autoestrada!!"

En marzo do 2013 a Corporación municipal de Redondela (PP, PSOE, BNG, AER), co alcalde á cabeza, convocaron e participaron nunha gran manifestación para esixirlle a Fomento a paralización do proxecto de ampliación da autoestrada e da Ponte de Rande que, entre outros estragos suporá a demolición dos restos do Castelo de Rande, de once casas e dun colexio público. Quince días máis tarde da celebración desta manifestación, o grupo popular do Parlamento de Galicia anunciaba a presentación de dúas iniciativas: pedirlle a Fomento que priorice a ampliación da autoestrada en Rande e a construción da autovía A-57 como alternativa á peaxe da autoestrada Vigo-Pontevedra. Pode haber algo máis contraditorio? Esta é a política do partido unido, coordinado e democrático do que nos falan a cotío. E supoñemos que por razóns da vidiña política, en febreiro deste ano 2015 o máximo representante do Concello de Redondela participaba no acto simbólico de colocación da primeira pedra da ampliación de Rande (comezan a manifestárense os primeiros síntomas da síndrome indicada).

Así as cousas, a finais do mes de outubro soubemos por Faro de Vigo da cesión ao Concello por parte da empresa concesionaria Audasa, da "Finca da Ginaria" para a construción do novo "Colexio de Igrexa", "como compensación polos prexuízos causados á parroquia". A nova é anunciada como un gran logro. Home, só faltaría que nos tirasen co colexio, para beneficio dos seus intereses, e non construísen outro. Con todo, o mobiliario e o equipamento das dependencias do novo colexio terá que pagalo a Consellaría de Educación, é dicir, nós. Chegados aquí, creo que xa se pode falar dunha patoloxía clara de Síndrome de Estocolmo.